Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O galego no ensino e o seu futuro

O incríbel caso do decreto 124/2007

Valentina Formoso, Henrique Monteagudo, Fran Rei e Xosé Antonio Pardo falan da norma que garante un 50% de materias na lingua do país, a piques de ser derrogada.

Europa Press - 14:15 08/12/2009

Valentina Formoso, portavoz da Coordinadora de EDNL
A derrogación do decreto do galego no ensino prevista pola actual Xunta e o novo texto que presentará este mes instaurarán unha aprendizaxe de idiomas "de tres ou catro velocidades", no caso de que se elimine a ensinanza do 50% das materias en galego, afirma Formoso.

De se deixar á elección de cada centro ou dos pais cal vai ser a lingua en que reciben aulas os seus fillos, afirman desde os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, porase trabas á aprendizaxe e a promoción do galego, que non se vai a conseguir sen ese 50% "sobre todo en ámbitos urbanos, onde hai moi pouco contacto coa lingua".

"O ensino ten que ser igualitario, ten que ser igual para todos", destacou a súa voceira, que rexeitou a fórmula de que a porcentaxe de materias que se impartan nun idioma ou outro deba variar en función do contexto xeográfico. Neste caso, recordou que en Galiza existen dúas linguas oficiais que, no ámbito de coñecemento, do seu uso e do seu status social, "non se atopan en situación de igualdade", polo que "se non se garante a competencia do alumnado" -en ambas as dúas linguas-- este verase "discriminado".

Ao respecto da implantación do inglés como idioma de ensino das aulas, advertiu de que "os centros non están dotados, nin hai aulas ben dotadas de recursos" para lle dar a devandito idioma "unha porcentaxe similar" ao galego ou ao castelán. "Faltan computadores, profesorado nativo, ...", dixo, aínda que salientou que os estudantes galegos, ao coñecer varias linguas, teñen maior facilidade e aptitudes para a aprendizaxe de idiomas ca os doutras zonas do Estado.

Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura
A proposta da Xunta sobre o idioma vai "cara aos tres terzos" -castelán, galego e inglés, equitativamente- sinalou o sociolingüista mais, recordou, que a Xunta terá en conta a "libre elección dos pais" que "legalmente non é moi defendíbel", en alusión a unha sentenza do Tribunal Supremo que nega o dereito dos proxenitores a escoller o idioma da educación dos seus fillos.

"No Goberno e no PP hai un debate que non teñen resolto. Hai unha liña que vai cara ao consenso e hai outra que vai cara a unha confrontación, que sectores dentro do partido ven ben", explicou. Monteagudo propuxo que a lexislación camiñe "cara a un modelo flexíbel" que non obrigue os centros a "dar pasos atrás" en materia lingüística, en alusión a aqueles claustros que aplicarán o 50% de materias en galego.

Aínda no hipotético caso de admitir as propostas da Xunta -coas que non está de acordo-, Monteagudo estabelecería "unha solución que non cre un problema novo", permitindo a docencia en galego nun 50% a "centros que queiran cumprir o decreto vixente" e, naquelas escolas "onde non se chegou" a esa porcentaxe "porque hai unha resistencia", avogaría por "flexibilizar de cara a un 30% ou 40%" en función da decisión do propio centro.

Neste senso, advertiu que o modelo que pretende asumir a Xunta "é mellor" unicamente "desde o punto de vista de -evitar- a conflitividade" e o debate social, xa que a nivel pedagóxico "é malo" ao impedir unha equidade educativa entre centros e entre o alumnado.

Fran Rei, vicepresidente da Mesa
O grao de cumprimento do decreto vixente representa "unha incógnita", segundo o vicepresidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Fran Rei, que indicou que a Consellaría de Educación -tanto no actual Goberno como no anterior- "non proporcionou datos" ao respecto, mentres que un dos puntos que estabelece o decreto 124/2007 "era que se ía a realizar un seguimento ano a ano".

"Temos unha queixa no Valedor do Pobo desde novembro de 2008 e aínda estamos a agardar algún tipo de resposta", lamentou Rei logo de aclarar que o propio valedor "se dirixise por carta" á asociación "para comunicar que o trámite se segue a solicitar" á Xunta.

Con todo, afirmou que un estudo da Universidade de Vigo elaborado en 2008 alertaba de que no 70% dos centros de ensino da cidade "non se chegaba ao 50%" de materias en galego e, segundo "o día a día" na asociación, a tendencia é que "en ámbitos urbanos se incumpre" o decreto, ademais dalgún caso puntual "en zonas rurais". Así mesmo, mencionou varios casos en centros de Infantil e Primaria de Ferrol "onde non hai libros de texto en galego".

Xosé Antonio Pardo, presidente da Federación de Centros Públicos
Pola súa banda, o presidente da Federación de Centros Públicos de Galicia, Xosé Antonio Pardo, asegurou que o decreto, naqueles centros que cumpren con ese 50%, aplícase "con toda normalidade" e que este grao de implantación "depende do proxecto curricular" de cada escola. "Estábase respectando na maioría, e nos concertados, creo que tamén", sinalou.


Ligazóns

4,52/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: