A semana pasada, o Concello anunciaba unha sentenza do TSXG neste senso. En tres días, máis de 1.300 persoas uníronse no Facebook contra a controvertida decisión.
O Glam Nights
"O Concello de Lugo unicamente se limita a executar unha sentenza do TSXG en contra da concesión de licenza. Neste momento a notificación aos propietarios do local atópase no rexistro de saída, polo que lles chegará a próxima semana".
Esta é a resposta, por escrito e en castelán, que desde o goberno municipal achegan ao respecto da polémica sobre a ameaza de peche do 'Glam Nights', un mítico pub da cidade que reúne público diverso, mais onde predomina o ambiente gay.
A noticia coñeceuse a semana pasada, cando a concelleira de Economía, Sonia Méndez, informaba en conferencia de prensa sobre unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao respecto, que confirmaba outra anterior do Contencioso, contraria á concesión da licenza, polo tanto, contraria ao Concello.
O argumento é que o local "incumpre a ordenanza de ruídos". Razoamento que Enrique, un dos propietarios do 'Glam Nigts', considera facilmente rebatíbel e que demostra que a causa foi "mal defendida" polos servizos xurídicos municipais.
A ordenanza de ruídos que se aplica en Lugo clasifica varias rúas como "saturadas de ruídos". Unha destas é o Carril do Son, ao carón da Praza de Abastos, lugar onde está localizado o pub, o único desta canella sen saída e que leva aberto con diferentes nomes desde a década de 1980.
Por que, entón, é que agora "incumpre a ordenanza de ruídos"? Antigamente, os pubs tiñan licenza de "café bar especial", a vella denominación para este tipo de locais. Coa actual lexislación, pasáronse a nomear simplemente "pubs". O nacemento do 'Glam Nigts' chega nesta segunda xeira, en 2003.
A Xustiza entende que non se pode dar permiso para un 'novo' "pub" porque xa hai un "café bar especial" e infrinxiría a norma sobre "rúas saturadas de ruídos". Eis o "surrealista" da sentenza, asegura Enrique, e a demostración de que o Concello "non tomou en serio" o caso.
Grande investimento que podería ser reclamado ás arcas municipais
O 'Glam Nigts' xa leva seis anos de andaina. E moitos miles de euros investidos. Daquelas o Concello exixiulles varias remodelacións, principalmente no referente á insonorización do local, para o adaptar á nova normativa.
Un gasto que ascendeu a uns 120 mil euros, e que os propietarios están dispostos a reclamar ao Concello -co que din estar "encabuxados" ademais por ter que saber de toda a cuestión a través da prensa- de se producir finalmente o peche.
Contra esta última posibilidade son moitas as persoas que xa comezaron a se mobilizar, especialmente na web e concretamente na rede social Facebook, onde un grupo de apoio ao 'Glam Nights' sumaba este venres -tres días após a súa creación- a adhesión de máis de 1.300 persoas, algunhas mesmo de fóra de Galiza.