Consideran que a prórroga do Expediente de Regulación de Emprego por outros catro meses é "a solución menos mala" mentres non se decide o futuro da planta.
Sen solucións sobre a mesa, os traballadores da planta de Pascual en Outeiro de Rei decidiron que volverán aos seus postos en canto expire o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que conclúe este venres. "É a solución menos mala nestes momentos", di o secretario comarcal da Federación de Alimentación da CIG, Christian López, quen subliña que, do contrario, deduciríase a extinción dos 95 contratos vixentes (outros 60 empregados xa se acolleron ás baixas incentivadas).
Futuro inmediato
Mentres, os traballadores agardan que se consolide un acordo para o aluguer ou para a venda da planta de Outeiro de Rei. Segundo lle adiantaron os responsábeis de Leite Pascual aos membros do Comité de Empresa, actualmente están estudando as dúas propostas realizadas polas cooperativas lácteas (unha de Feiraco e outra da Arzuana) para facerse cos dereitos das instalacións. Con todo, tamén advertiron de que están abertos a "calquera outra oferta" que se poida producir e que "recibirán a calquera comprador".
Pola súa parte, o cadro de persoal segue tendo sobre a mesa a posibilidade de elección individual, ben de pedir a liquidación e cobrar a indemnización que lle corresponda a cada un, ben intentar manter o posto de traballo con quen se faga cargo das instalacións. Até o de agora e mentres non se avance nas negociacións, asumiron a volta ao traballo coa prórroga do ERE.