Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Imos a por todas"

Estaleiro en crise: de empregados a propietarios

Os traballadores asumirán a xestión da empresa, logo de que os administradores presentasen un Expediente de Extinción de Emprego ante a alarmante falta de liquidez.

Isabel G. Couso - 12:35 24/11/2009
Os traballadores manifestáronse en diferentes ocasións en demanda das súas nóminas

Os traballadores manifestáronse en diferentes ocasións en demanda das súas nóminas

A Manuel Suárez, soldador do estaleiro MCies, comunicáronlle a finais de agosto que a empresa na que leva traballando boa parte da súa vida (na actualidade ten 58 anos) entraba en concurso voluntario de acredores forzado pola falta de liquidez e para facer fronte á débeda que lle reclamaban tres auxiliares que traballaban subcontratadas nas súas instalacións de Teis (Vigo). Comezou entón para todo o persoal un constante rebumbio de ruxerruxes, de incerteza sobre o futuro e de conversas para buscar, entre todos os traballadores, unha solución.

Como presidente do Comité de Empresa, Suárez viviu en primeira liña todas as negociacións, que incluíron xuntanzas cos traballadores e cos administradores, ademais de protestas e concentracións en demanda da débeda salarial (a día de hoxe máis de tres nóminas). Logo de todo este tempo, os traballadores tomaron unha decisión: en troques de contentarse co paro, despedirán aos propietarios e manterán o estaleiro a flote coa súa propia xestión.

Xénese dunha "aventura"
"Non che vou negar que temos certos temores", di Suárez, "porque nós non temos ningunha formación sobre como levar unha empresa e claro que cada día xorden novas dúbidas, pero o que temos claro é que non hai máis alternativa: ou asumimos o reto ou imos dereitos ao paro, e non queremos cobrar un subsidio, queremos traballar".

Na actualidade, o cadro de persoal de MCies está formado por 77 traballadores, a meirande parte cunhas idades comprendidas entre os 30 e os 40 anos. Polo momento, decidiron sumarse a esta "aventura" un 60% dos empregados: "os demais son xente nunha idade máis avanzada ou que ten outras opcións sólidas de traballo fóra de aquí", explica Suárez.

O proxecto co que pretenden salvar o seu futuro pasa pola creación dunha Sociedade Anónima Laboral (SAL) e forzar a saída dos actuais propietarios do estaleiro. Esta alternativa, que xa se empregou no seu día noutras empresas do sector (como Censa ou a extinguida Santo Domingo) foi suxerida polas administracións concursais e permitiría aos traballadores comprar as instalacións e os barcos en carteira. A idea é que os traballadores acheguen 30 mil euros cada un, que obterían pola vía da capitalización do desemprego, é dicir, percibindo o importe total da prestación por desemprego que lles correspondería nun pago único. Esta opción, segundo nos explica o secretario xeral de Industria de CCOO en Pontevedra, Ramón Sarmiento, é posíbel cando os solicitantes pretenden conformar unha sociedade mercantil ou cooperativa.

Compromisos pendentes
Con todo, para que o proxecto vaia adiante, os traballadores precisan do apoio da Xunta de Galiza. Esta semana manterán unha xuntanza con XesGalicia (a sociedade de capital risco da Administración) e co Igape, co obxectivo de que o Goberno apoie economicamente a iniciativa. "Evidentemente os traballadores asumirán o risco se ten garantías de que vai compensar", di Sarmiento, "hai que elaborar un plan de viabilidade que teña en conta o futuro co que conta o proxecto a corto e longo prazo".

Así o entende tamén Suárez: "como é lóxico, queremos saber con que apoio contamos da Xunta, queremos comezar dende cero, sen débedas, e estudar cales son as garantías que temos como para asumir dunha banda os contratos en curso, e da outra as nóminas o pago a provedores e demais". "Hai que garantir que o reto teña a menor porcentaxe posíbel de aventura", confirma Sarmiento.

Así as cousas, o obxectivo é que a SAL consiga un capital social inicial de tres millóns de euros, o que permitiría rematar e entregar os barcos que se están construíndo agora e evitar posíbeis penalizacións por atrasos. En concreto, MCies ten en carteira tres oceanográficos por un valor de 16 millóns (un para o goberno danés e outros dous para o español); un ferry para un armador sueco e o casco dun iate que fora cancelado hai un ano e que se podería recuperar.

Con todo, os traballadores teñen vontade de permanencia no futuro. "Por suposto que, de primeiras, se trataría dunha medida provisional para sanear a empresa e asumir os contratos que temos pendentes mentres non aparece un comprador que se faga cargo", di Suárez, "mais non descartamos asumir a propiedade do estaleiro definitivamente, se somos quen de xestionar o traballo e de asumir novos proxectos. Está claro que chegado este punto, xa imos a por todas".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os traballadores manterán unha xuntanza coa Administración para estudar o seu apoio económico
Os traballadores manterán unha xuntanza coa Administración para estudar o seu apoio económico
MCies fabrica embarcacións en Teis dende 1977
MCies fabrica embarcacións en Teis dende 1977
Na actualidade, MCies ten en carteira tres oceanográficos e un ferry para un armador sueco
Na actualidade, MCies ten en carteira tres oceanográficos e un ferry para un armador sueco