Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Precariedade na alimentación

Máis de 30 mil traballadores do comercio están chamados á folga o 27 de novembro

CIG, CCOO, UXT e Fetico exixen unha mellora das condicións laborais e ameazan cun paro indefinido a partir do 9 de decembro.

Redacción - 09:00 20/11/2009

Os sindicatos CIG, CCOO, UXT e Fetico convocaron para o 27 de novembro unha xornada de folga no sector do Comercio e da Alimentación nas provincias da Coruña e de Pontevedra. Se non avanzan as negociacións, advertiron de que a folga se fará indefinida a partir do 9 de decembro.

Están chamadas á folga máis de 31 mil empregadas e empregados de arredor de 2.200 empresas. Aínda así, as organizacións sindicais precisaron que lle afectarán principalmente aos grupos Gadisa, Lidl, El Árbol e Froiz, onde as patronais contan con máis poder nas mesas de negociación. A convocatoria de folga e de mobilizacións deixa fóra as grandes superficies e os grupos Día, Eroski, Alcampo e Hipercor, que contan con convenios propios.

As catro organizacións sindicais criticaron o inmobilismo amosado pola patronal durante o proceso de negociación e as súas pretensións de rebaixaren e recortaren os dereitos dos traballadores escusándose nunha suposta baixadas das vendas e dos beneficios. Pola contra, destacaron que os grandes grupos do sector da alimentación seguen a ter importantes ganancias malia a crise económica, e mesmo seguen a expandir a súa rede de estabelecementos.

Precariedade e presións
A última proposta presentada na mesa de negociación, onde tamén se atopaba representado o pequeno comercio, aínda que sen peso real, o empresariado propuxo unha suba dos salarios dun 1% nos vindeiros catro anos, o que suporía, segundo os sindicatos, unha suba de oito euros ao mes nun sector onde a media é de apenas 800. Tamén contemplaba os traslados a centros de traballo até 40 quilómetros, non modificar as categorías profesionais e manter unha xornada anual de 1.812 horas.

CCOO, UXT e CIG advertiron de coaccións e presións aos traballadores por parte da patronal, para impedir a participación na convocatoria de folga, polo que anunciaron que iniciarán accións xudiciais contra Gadis, grupo que, afirman, incumpre reiteradamente a legalidade e xa conta con varias sentenzas condenatorias.

Mobilizacións
Alén da folga do 27, os sindicatos anuncian mobilizacións os días 23 e 24 de novembro, no almacén de Gadisa en Betanzos e de Froiz en Poio e nas tendas Froiz e Gadis de Ferrol, no primeiro caso, e no almacén de Lidl en Narón e nas tendas da cadea en Santiago e a Coruña e de Gadisa na rúa Rosalía de Castro de Vigo, no segundo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: