O BNG preguntaralle ao Executivo no Parlamento pola decisión de Xuventude de non axudar no financiamento do IV Encontro de Novos Escritores 'Eu ou Nós'.
O BNG exixirá explicacións no Parlamento pola decisión da Dirección Xeral de Xuventude de retirar axudas á Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) para a organización do IV Encontro de Nov@s Escritor@s 'Eu ou Nós'.
Así o confirmou a portavoz parlamentaria de Cultura do BNG, Ana Pontón, que recordou nun comunicado que esta iniciativa contou "desde a súa primeira edición" co apoio do Goberno ao entender que constitúe un evento que "potencia" o traballo da mocidade no ámbito cultural.
Por iso, reprobou o "cambio de criterio" da Xunta sen que exista "ningún tipo de xustificación" e interpretou a decisión como "unha mostra máis da falta de apoio" do Executivo do PPdeG á mocidade e de "penalización" a quen "aposta" pola literatura galega.
"Feijoo terá que dar explicacións por este comportamento sectario", advertiu Pontón e demandou unha "rectificación" posto que, ao seu xuízo, "retirar" estas axudas é "o contrario do que faría calquera Goberno normal".