A asociación Andaina organiza o MUFEST, I Festival de Cine feito por Mulleres, que se celebrará en Compostela os días 20, 21 e 22 de novembro.
No Estado Español só o 8% das películas que se producen son dirixidas por mulleres, e en guión e produción, a participación fica nun escaso 20%. Son datos da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) que evidencian a desigualdade entre ambos os dous sexos tamén neste ámbito.
É por isto que a Asociación Andaina Mulleres, "aproveitando o pulo que lle dá a oferta cinematográfica Cineuropa (o festival de cine que se está a desenvolver estes días en Compostela)", organizan o MUFEST, o I Festival de Cine feito por Mulleres, que se celebrará no Auditorio de Galicia, na capital galega, os dias 20, 21 e 22 de novembro. O certame conta coa colaboración da Concellaría de Benestar Social e Igualdade de Santiago.
Neste festival concédense tres premios dotados con mil euros para o primeiro e outros sen para os dous seguintes mellores de entre as obras seleccionadas. Todas estas serán exhibidas durante os dias que dura o evento. O prazo para que as mulleres interesadas en presentar as súas obras remata este domingo.
O obxectivo é, segundo a organización, "fomentar a creación audiovisual das mulleres proporcionando un espazo para a exhibición e o debate, onde teñan cabida as novas creadoras profesionais ou afeccionadas".
Ademais, dentro do programa está prevista a presenza de diferentes autoras, produtoras e guionistas -entre outras, Margarita Ledo e Almudena Carracedo- para compartiren as súas experiencias e os seus primeiros pasos no mundo audiovisual.