Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
EN VIGO

En troques de albergue, o edificio Gota de Leite será un centro empresarial

O colectivo Rede Galiza Sur maniféstase exixindo a dotación dun centro adicado a atender as persoas en situación de indixencia.

Redacción - 09:30 13/11/2009

Logo de descartar o uso do Fogar de San Paio (máis coñecido como o "Gota de Leite") como albergue e despois de asinar un convenio de 200 mil euros coas Misioneiras do Silencio para potenciar a súa actividade como centro de acollida, a Xunta xa atopou unha utilidade social para este edificio. Será un centro empresarial de formación e unha escola infantil.

A directora xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, e a de Formación e Colocación, Ana María Díaz, adiantaron que para ambos proxectos haberá que facer reformas no edificio. Argumentaron a escolla do Gota de Leite pola "súa situación céntrica e pola amplitude das súas instalacións, de case tres mil metros cadrados". O financiamento tirarase dos orzamentos de 2010, concretamente da partida de 732 mil euros destinados a proxectos sociais na área de Vigo.

Dunha banda, a chamada "oficina de apoio ao emprendedor e de formación" situarase na primeira planta e terá como obxectivo "ser unha ferramenta de intermediación laboral que asesore aos empresarios". Así, dotarase das instalacións requiridas, como despachos para o persoal e aulas para a formación. Da outra banda, a escola infantil terá unha capacidade de 90 prazas, repartidas en sete aulas situadas na planta baixa, onde tamén serán necesarias reformas.

Concentración de Rede Galiza Sur
Diferentes colectivos que traballan no eido da cooperación na cidade de Vigo e na súa bisbarra organizaron xa varias manifestacións exixindo que este edificio se destinase a Centro de Inclusión Social e a Albergue Público da cidade de Vigo, un proxecto que xa estaba en marcha durante o goberno bipartito, mais que xerou diferentes conflitos políticos na corporación municipal.

A última destas protestas convocouse para este xoves por parte da Rede Galiza Sur (plataforma que agrupa a 24 organizacións sociais). A delegada territorial da Xunta, Lucía Molares, asegurou, en contestación a esta marcha, que "a Administración non dá carpetazo á construción dun albergue na cidade", senón que segue ofrecéndose a crealo "en canto o concello poña o terreo á súa disposición". Ademais, lembrou o acordo asinado coas Misioneiras do Silencio para ampliar as súas instalacións e destacou que na última noite "había até 11 camas libres neste centro relixioso".


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: