O PP vota no Parlamento en contra da investigación do asunto. O PSOE levará o tema á Fiscalía.
"Dobre moral" e "cinismo" foron acusacións que guindaron este martes desde a bancada socialista enriba dos lombos do grupo parlamentario do PPdeG. Críticas que arrebolou a viceportavoz socialista, Mar Barcón, ao tempo que defendía a solicitude dunha comisión de investigación: "Demostren nesa comisión que non pagaron a súa sede cos cartos públicos da Fegas", desafiou Barcón aos populares, reprochándolles que defendan publicamente unha "xestión ética" e impidan esta investigación.
Por este motivo, os socialistas decidiron denunciar o caso diante da Fiscalía Anticorrupción, expoñendo as presuntas irregularidades na compra en 2003 da sede Fundación Escola Sanitaria Galega (Fegas) cun sobreprezo dun millón de euros. Un incremento da factura que coincide co custo da propia sede do PPdeG, adquirida ao pouco tempo por este partido xustamente ao mesmo construtor e no mesmo edificio. "Son incapaces de explicar como pagaron, por un edificio taxado en 1,7 millóns de euros, un total de 3,73 millóns, ademais de 800 mil euros en acondicionamento", engadiu o portavoz na área de Presidencia do grupo parlamentario do PSdeG, Xosé Manuel Lage. "Poñan luz sobre un asunto que cada vez cheira peor", afirmou.
"Só temos que averiguar como é posíbel que o PP comprara á mesma empresa, no mesmo edificio e pagara a metade do que pagou o Fegas no mesmo mes e por riba do prezo do mercado", ironizou Barcón. Recordou a deputada do PsdeG que o actual presidente da Xunta era daquela conselleiro e que os actuais conselleiros de Presidencia e Sanidade eran directores xerais.
Aclarar as "casualidades" para limpar o nome do partido
"Hai un cúmulo de casualidades que provoca alarma social", denunciou no mesmo sentido Ana Luisa Bouza, deputada do BNG, censurando que o goberno do PP elixise en 2004 a fórmula máis carta das posibilidades de compra. "Houbo un erro na escritura que supuxo sobrecusto para a Xunta de 900 mil euros; a compra foi no mesmo edificio no que está o local do PP e ao mesmo construtor, e agora néganse a que se abra unha comisión de investigación", lamentou Bouza.
"Coa súa negativa a crear unha comisión de investigación o PP perdeu unha oportunidade de limpar o seu nome", advertiu a representante do Bloque. Para Ana Luisa Bouza, a comparecencia do conselleiro de Presidencia este martes no Parlamento "non serviu para aclarar as dúbidas e a alarma social sobre o caso e demostrar que non teñen nada que ver nin nada que ocultar". "O PP actúa como parte neste caso xa que membros do actual Goberno interviron na adquisición da sede da Fegas", recordoulle aos populares. A deputada nacionalista desafiou o PPdeG a levaren eles mesmos o asunto á Fiscalía se están seguros de saíren limpos do caso.
Rueda escúdase nunha auditoría do bipartito
Na súa comparecencia para responder ás reclamacións da oposición parlamentaria, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda botou man dun informe encargado polo Goberno durante a anterior lexislatura no que, asegurou, "conclúese que na compra do inmoble non existiron irregularidades que invalidaran o procedemento".
"Entendemos que o contrato de compravenda da parte do inmoble destinado a oficinas (...) e o contrato de arrendamento con opción de compra da parte do inmoble destinado a aulas reúnen os requisitos de validez esixidos polo ordenamento xurídico sen que se aprecie ningunha causa de nulidade", leu Rueda do devandito informe encargado pola consellaría de Sanidade. Insistiu o conselleiro en que o informe abría a porta á posibilidade de tomar responsabilidades se se detectaba algunha irregularidade contábel "cousa que o bipartito non fixo unha vez tiña toda a documentación". Para Afonso Rueda resulta "sorprendente" que a oposición "teña dúbidas agora sobre un proceso iniciado hai sete anos e tras dispoñer de catro anos no Goberno con toda a documentación, sen que nunca fixeran denuncia ou acción pública ao respecto, senón todo o contrario, xa que completaron o proceso de compra".