Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Entre 15 e 20 mil persoas

Milleiros de persoas saen á rúa en Vigo en solidariedade cos secuestrados do Alakrana

Reclámanlle ao goberno español que devolva os piratas detidos. Mentres, os familiares repróchanlle aos políticos que usen o secuestro para "lanzárense reproches".

Europa Press - 10:30 08/11/2009

Foron máis de 15 mil persoas, segundo fontes municipais, e ao redor de 20 mil, segundo a organización, as que se manifestaron este sábado polas rúas de Vigo para pedir a liberación dos 36 mariñeiros secuestrados no atuneiro Alakrana e esixirlle ao goberno español que "os dous somalís detidos en España regresen ao seu país".

A marcha partiu da praza de España da cidade olívica até As Travesas, onde a filla do patrón do barco, Cristina Blach, pediu "axuda" ás institucións públicas e á Xustiza. Aos dous organismos suplicoulles que "non os deixen sós" e que "non se esquezan" das 36 persoas que están retidas e que foron secuestradas cando "estaban a gañarse a vida". Blach lamentou que os políticos "utilicen" o secuestro do Alakrana e a situación das súas familias "para lanzárense reproches" e requiriu que "reflictan a mesma unidade que move as familias que sofren". Á Xustiza, reclamoulle que "non sexa cega" e que "mire" o sufrimento e "valore" as circunstancias. "Que sopese se o feito de xulgar dúas persoas non fará senón incrementar o sufrimento das súas vítimas", esixiu.

Neste sentido, a filla do patrón do Alakrana mostrouse convencida de que a "colaboración", a "lealdade" e a "boa vontade" servirán para "solucionar este asunto conforme á lexislación española e aos convenios internacionais". Por este motivo, Blach instou o goberno español a "devolver" os piratas somalís detidos ao seu país. Para os familiares dos mariñeiros galegos capturados, a mobilización deste sábado é "unha voz única que pide e esixe a liberdade dos mariñeiros xa". Un sentimento que compartido entre os miles de persoas de todos os lugares de Galiza que viaxaron até Vigo para pedir "Liberdade para os mariñeiros, xa!", tal e como rezaba a pancarta da cabeceira. "Despois da semana que pasamos, estamos moi agradecidos de estar tan arroupados hoxe aquí", expresou Cristina Blach.

En canto á negociación, a baionesa confirmou que neste momento "hai contactos" aínda que recoñeceu que non sabía "de qué tipo". "Sei que hai contactos e sei que dende o que aconteceu o martes, que foi un auténtico horror, a situación é estable", declarou.

"Estamos como o primeiro día"
Por outra banda, Xesús Dacosta, o irmán do cangués Secundino Dacosta, agradeceu as mostras de "apoio" recibidas na rúa e mostrou a súa "esperanza" de que o seu irmán "volva pronto á casa". Recoñeceu que agora están "un pouco máis tranquilos" aínda que sinalou que non van parar de "loitar" ata que "Secundino estea en liberdade". Xesús Dacosta declarou que a última vez que o seu irmán tivo contacto coa familia díxolles que no barco "había moita incerteza" e "moito medo". "Por iso non imos estar tranquilos até que estea na casa", apostilou.

Tamén acudiron á manifestación os parentes de Pablo Costas, o mariñeiro natural de Gondomar, que criticaron o silencio do goberno español e pediron máis información para as familias. "Estamos como o primeiro día, non sabemos nada", lamentou, ao tempo que explicou que este descoñecemento provoca "malestar" nos seres queridos. Silvia Albés, muller de Pablo Costas, agradeceu o esforzo de "todo o mundo" e a súa implicación co secuestro. "Agradézoo dende o fondo do meu corazón e sei que as 36 persoas que están no barco, entre elas o meu marido, tamén llo agradecen", indicou a Europa Press emocionada.

Aplausos espontáneos
A manifestación partiu puntual de Praza de España para percorrer a rúa Gran Vía e chegar ata Praza de América. Durante o camiño puideron escoitarse berros pedindo a "liberdade" dos mariñeiros. Entre as miles de persoas podían lerse pancartas alusivas ao xuíz da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón, e á ministra de Defensa, Carme Chacón. 'Chacón, solución xa' ou 'Garzón a Somalia', foron algunhas das mensaxes.

Un dos momentos máis emocionantes produciuse cando un grupo de viandantes que nese momento paseaban pola rúa Gran Vía e que non participaban na mobilización, comezaron a aplaudir de forma espontánea e a pedir "liberdade para os mariñeiros". Unha iniciativa á que acabou uníndose toda a marcha e que se repetiu en polo menos dúas ocasións. Na manifestación puideron verse representantes da Xunta de Galicia, como os conselleiros de Presidencia e do Mar, Alfonso Rueda e Rosa Quintana, respectivamente, ademais do voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, membros de UXT e CCOO., deputados socialistas, nacionalistas e populares e os alcaldes de Ribeira, Cangas, Gondomar e Baiona.

En nome do Concello de Vigo, asistiu o alcalde, Abel Caballero, e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, ademais dun nutrido grupo de concelleiros e a delegada da Xunta, Lucía Molares. Destacou a ausencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que, aínda que nun principio dixo que acudiría á cita en "calidade de cidadán", non asistiu finalmente á marcha.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: