O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, insta os populares a que "remen a favor da democracia".
O secretario xeral do PSdeG,Manuel Vázquez, instou os dirixentes do PP a que non fagan "oportunismo político" co secuestro do Alakrana e pediulles que axuden a "remar a favor da democracia e do Estado de Dereito".
Na inauguración do congreso provincial do PSdeG na Coruña, Vázquez dedicou as primeiras palabras da súa intervención a trasladar a súa "solidariedade e apoio" aos familiares dos mariñeiros secuestrados "que están a pasar un momento de extrema dificultade". Tamén manifestou o seu "apoio incondicional" ao goberno español que, dixo, "está a dar a batalla contra os únicos responsables deste desaguisado, que son os piratas".
Por iso, pediulle aos responsábeis políticos e, en concreto, aos dirixentes do PP, dende o presidente estatal, Mariano Rajoy, até o titular do Executivo, Alberto Núñez Feijoo, que "non confundan o tiro" nas súas críticas. "Non nos ten que tremer man nun Estado de Dereito para dicir que con iso non se xoga", apuntou Vázquez, quen pediu aos representantes do PP que "deixen de usar unha desgracia e que axuden a remar a favor da democracia e do Estado de Dereito", remarcou o dirixente socialista.