Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proxecto de lei

A Xunta reducirá o gasto público en transporte escolar

O novo texto regulatorio prevé adaptar a lexislación aos novos retos e á "actual conxuntura económica".

Redacción - 09:30 06/11/2009

O Goberno aprobou un paquete de medidas urxentes para "a modernización do sector do transporte público" no país, a través un proxecto de lei. O texto pretende compatibilizar a mobilidade da cidadanía e a ordenación do territorio cun transporte eficiente.

O proxecto vai tamén na liña de austeridade pública, provocada pola "actual conxuntura económica", e que pretende reducir o gasto no transporte escolar, que en Galiza é moi superior ao de "calquera outra comunidade autónoma", polo que avoga pola "optimización de recursos".

Así mesmo, o texto pretende ordenar o sector do transporte ás "importantes novidades" que presentará, pola futura introdución de modificación de normas de eido estatal e europeo. A modernización inclúe cambios nas concesións de transporte público regular de persoas por estrada, actuacións con respecto ás frotas de vehículos e flexibilización da explotación, das tarifas e da materia sociolaboral.

O plan deberano aplicar todos os concesionarios no momento de entrar en vigor a lei. Os servizos veranse beneficiados por un incremento de 10 anos adicionais a partir do seu vencemento, mentres que os de transporte escolar a centros educativos públicos terán unha prórroga automática dos contratos anuais até o 31 de decembro de 2020, agás supostos de supresión de servizo. A partir do 1 de xaneiro de 2010, bonificarase nun 7% o importe da facturación do transporte escolar.

A lei desenvolve unha competencia propia da Xunta, tal e como fixa o Estatuto. Nun prazo de seis meses dende a entrada en vigor, as empresas concesionarias deberán presentar un cronograma de implantación das actuacións previstas no plan. Noutro caso, sancionaranse como infracción moi grave.

As actuacións pretenden "colocar o sector económico en condicións adecuadas" para as novas normas e favorecendo as previsións de estabilidade para a súa amortización. Introducirá innovacións como a modernización de tarxetas sen contactos, conexións informáticas, renovación da frota e a posta en marcha de Sistema de Axuda á Explotación, entre outras, a imitación doutras comunidades autónomas.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: