O BNG sinala como prioritarias as relativas a tráfico, as autopistas, a xestión dos aeroportos e a da cunca hidrográfica Miño-Sil.
Zapatero comprometeuse a iniciar as negociacións nestes dous meses
A pasada semana realizáronse os primeiros contactos para estabelecer unha axenda que permita negociar o traspaso de competencias pendentes a Galiza. Así o asegurou o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, quen se comprometeu a iniciar estas xuntanzas antes de que remate o ano, é dicir, nos seguintes dous meses.
O compromiso do presidente do executivo español foi a resposta a unha pregunta do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, quen lle exixiu que os traspasos sexan unha realidade antes que de finalice o 2010. Ao tempo, lembroulle que os nacionalistas apoiaron a súa investidura "entre outras razóns pola súa promesa de facilitar un maior autogoberno".
Posíbeis traspasos
Se ben Zapatero non quixo aventurar o resultado da negociación, da que dixo que "haberá que discutir os aspectos competenciais, funcionais e técnicos das competencias", Pérez Bouza considerou prioritarias o traspaso de materias como o tráfico, as autopistas, a xestión dos aeroportos e a competencia sobre a cunca hidrográfica Miño-Sil.
Na lexislatura pasada (2005-09), aprobáronse un total de nove decretos de traspasos de competencias, entre os que se atopaba o relativo ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, o do persoal civil do Hospital da Defensa en Ferrol ou a xestión de museos, bibliotecas, instalacións patrimoniais e inspección de traballo.