O número de desempregados ascende a 208.920 persoas, un 4,22% máis que no pasado mes de setembro.
Nos últimos doce meses, o paro incrementouse en Galiza en máis dun 24%
Cada día do pasado mes de outubro perderon o seu emprego un total de 272 galegos. Esta cifra depáranos un total de 8.458 desempregados máis neste último mes con respecto ao de setembro, o que supón un incremento do 4,22%. En suma, son 208.923 os galegos anotados nas listas do Inem, segundo os datos difundidos este martes polo Ministerio de Traballo e Inmigración.
Encadéase así o terceiro mes consecutivo no que se incrementa o paro, logo das subas de agosto e setembro. A taxa de incremento no último mes, ademais, é a sexta máis elevada de todo o Estado e supón o dobre da estatal (2,6%). Se comparamos a estatística cos datos de hai un ano, o desemprego incrementouse en máis dun 24% en Galiza, o que supón que no último ano inscribíronse nos servizos de emprego estatais un total de 40.500 persoas.
Terceiro ascenso tamén no Estado
No Estado Español hai actualmente un total de 3.808.353 persoas sen emprego, o que supón un incremento do paro dun 2,6%. Un total de 98.906 persoas perderon o seu emprego no pasado mes de outubro, de xeito que só en tres meses máis de 260 mil persoas se anotaron nas listas do Inem.
Por sectores
O sector dos servizos foi no que máis aumentou o número de persoas que perderon o seu emprego: incrementouse en 4.965 persoas (117.006 parados adicábanse a este traballo). Mentres, un total de 1.195 traballadores déronse de alta no Inem no sector da construción (son 31.729); 750 na industria (até 32.018) e 599 no agro (até 5.587). Ademais, o colectivo sen emprego anterior chegou até os 22.583, lo que supón que en outubro incrementouse en 949 persoas.
Por provincias
A Coruña segue sendo a provincia que contabiliza un maior número de persoas paradas (84.348). Séguelle Pontevedra (81.437), Ourense (23.457) e Lugo (19.687).
Contratos
A contratación viuse reducida nun 3,27% neste último mes con respecto ao anterior, con 3.134 contratos menos. Foron un total de 63.119 os formalizados durante o mes de outubro, entre os que se inclúen os indefinidos, os temporais e as conversións en indefinidos. En relación a hai un ano, descenderon un 13,29% (9.674 menos). Do total, 57375 foron de carácter temporal, mentres que 5.744 foron indefinidos.
Evolución dos últimos meses: