Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Multiplícanse as protestas

As caixas aquelan números meténdolle calotes financeiros aos seus clientes

Produtos complexos, ambiguamente presentados, cos que pechan buratos nas contas. Ao tempo, bloquean o acceso aos seus consellos xerais das asociacións de defensa dos consumidores.

R.N. - 11:15 01/11/2009

Da febleza dos números das caixas de aforro en todo o Estado é exemplo claro a urxencia de entidades e administracións por forzar fusións, moitas delas non exentas de polémica. O obxectivo: reforzárense no actual escenario de crise. As dúas caixas galegas viven esta situación co agravante de ter visitado nos últimos meses os postos de abaixo dos ránkings que miden e comparan a súa solidez.

E estando no grupo de pechacancelas, e afastadas da media das caixas máis saneadas, Caixa Galicia e Caixanova teñen saltado ao mercado con prácticas que, usadas en maior ou menor medida por todas as entidades, son duramente censuradas polas asociacións de defensa dos consumidores. Nese sentido, desde a Asociación en Defensa dos Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae), advirten de que o impacto da crise financeira fará que a situación sexa, con probabilidade, "aínda peor en 2010", e agoiran que as entidades afondarán en prácticas xa están multiplicando o número de queixas e denuncias.

Participacións preferentes: exemplo de enganosa forma de encher os petos
A emisión das chamadas "participacións preferentes" é un dos calotes preferidos no sector. Sonlles presentadas aos clientes como se dun produto a prazo fixo se tratase, mais a letra pequena é ben clara ao respecto dos riscos. Entre outros, e tal e como advirte a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), trátase dun produto "complexo e de carácter perpetuo" e non se inclúe nas prevencións do chamado "Fondo de Garantía de Depósitos". Pero malia as advertencias, as caixas tratan así de colocar este produto indiscriminadamente, sen ter en conta o perfil investidor.

No caso da entidade coruñesa, en 2003 constituíu a sociedade anónima Caixa Galicia Preferentes, como filial destinada á captación de fondos para o grupo financeiro a través da emisión destas participacións. Desde aquela realizou até cinco emisións de preferentes, as dúas últimas este mesmo ano, en marzo e en setembro, por valor respectivo de 150 millóns de euros, ampliábeis a 300 millóns, e de 135 millóns a última destas. A axencia de cualificación de risco Moody's ten levado a emisión de preferentes de Caixa Galicia á categoría dos que afrontan un alto risco de impago e que popularmente son bautizados como "bono basura" polo seu alto grao especulativo. A gravidade do negocio estana sufrindo xa nos últimos meses clientes que apostaron por este produto nas primeiras emisións e que comproban agora que a entidade non ten obriga de amortizarlles a cantidade ingresada hai cinco anos.

Hipotecas con seguro e comisións tamén enchen a saca
As comisións de mantemento teñen sido práctica prioritaria a espremer nos últimos meses por parte das entidades financeiras, ben pola aplicación de novas comisións ou polo aumento das xa existentes. Así por exemplo, á mesa das asociacións de consumidores chegan as queixas sobre Caixa Galicia non só polo límite do saldo mínimo ao que se lle aplica o pago, senón tamén por incrementos sucesivos nas comisións anuais de mantemento das contas.

Por outra parte, as hipotecas con seguro por suba do euríbor están tamén entre as manobras criticadas. Trátase igualmente dun produto complexo que lle está sendo ofrecido polas entidades financeiras indiscriminadamente a todo tipo de clientes. O calote explota neste caso o medo das familias fronte ás circunstancias que puideran poñer en perigo o abono das cotas mensuais das súas hipotecas. Así, o presunto seguro que lles é ofrecido diante de hipotéticos incrementos do euríbor agocha en realidade o paradoxo de poder obrigarlles aos clientes a pagarlle a maiores á caixa ou ao banco. Isto é así porque se o euríbor cae por baixo da cifra de referencia do contrato, é o cliente quen ten que aboar a diferencia.


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: