Os veciños do Parque Nacional da Peneda-Gerês amosan a súa oposición ao ordenamento porque entenden que limita a súa libre circulación.
O ordenamento do Parque está a xerar controversia entre os veciños
As obrigas legais que comporta todo tipo de recoñecemento ambiental están na orixe de moitos conflitos entre administración e veciños. O último exemplo vémolo en Portugal, concretamente no Parque Nacional da Peneda-Gerês, un espazo que xunto coa serra galega do Xurés conforma a Reserva da Biosfera, declarada pola Unesco.
Os residentes desta zona prometen "dar guerra" ao Plano de Ordenamento desta estrutura, se non se retiran as normas que impiden a súa libre circulación polo territorio. Acusan ao Parque de querer impedir a súa liberdade de paso, limitándoa só aos casos en que existan colmeas ou outras actividades agrícolas, como o pastoreo.
Tamén consideran "inadmisíbel" que se lles obrigue a pagar taxas e defenden que debería facerse un Estatuto do Residente que contemple, entre outras cousas, a súa exención no pagamento de taxas. Ademais, non aceptan que o Parque Nacional queira prohibir a explotación de equipamentos eólicos. controversia está a facerse patente nas sesións públicas nas que se está a presentar o documento á poboación, un período de tempo que se prolongará até o vindeiro 2 de decembro.
Mesmo conflito no Courel ou nos Ancares
No caso das montañas do Courel, os últimos acontecementos políticos introducen unha nova variante sobre o proceso de declaración do lugar definitivamente como Parque Natural. A nova alcaldesa, Dolores Castro, que accedeu ao goberno municipal logo dunha moción de censura, xa adiantou que só apoiará esta declaración "se todos os veciños o queren". Neste caso, hai colectivos que levan moitos anos defendendo o Parque Natural, como o grupo ecoloxista SOS-Courel, que reivindica esta figura como un paso revitalizador para a zona. Mentres, Castro entende que "tamén hai moita xente, os que viven aquí, que está en contra" e asegura que "a súa opinión será escoitada".
Se nos trasladamos aos Ancares, a situación é semellante. Nesta ocasión foi xa o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, quen asegurou que "non se fará un parque natural mentres non queiran os veciños". En concreto, a Plataforma Veciñal de Cervantes entende que as proteccións das que xa goza a zona xa lles causan "suficientes dificultades". Mencionan as limitacións nos dereitos dos propietarios sobre as súas leiras ou a negativa incidencia que tería para a limpeza dos ríos ou a conservación da pesca.
Pola contra, outros colectivos explican que a creación dos Parques Naturais non suporán novas restricións das que xa supoñen estar incluídos en Rede Natura. Porén, todos avogan pola máxima información aos veciños e organizacións sociais para evitar situacións nas que o descoñecemento impida unha declaración ambiental que puidera ter importantes beneficios sobre o territorio.