Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Dez anos do primeiro libro electrónico galego

Un novo relato 'por conto alleo'

Camilo Franco comemora os dez anos de 'Por conto alleo', cun novo relato construído a partir de seis palabras enviadas polos lectores.

Camilo Franco - 10:30 27/10/2009

Relato a partir das palabras alén, chafariz, diletante, valdeorrés, testemuña e de novo, enviadas por LuisaReed, soliman, ghalisia, Fontei, LadyDilema e esquio, e seleccionadas pola redacción de Vieiros.

Catro quilómetros para casa


Cando contestou estaba a catro quilómetros da casa. Oes, que andan dicindo por aí que xa non estades xuntos. Faltaban catro quilómetros para a casa e levaba dúas mochilas para encher a neveira porque había queixas sobre a frecuencia con que ía facer a compra. Ían cheas, para compensar a viaxe, deses alimentos documentais que todo o mundo asegura consumir, pero que son sospeitosamente insípidos. Ían cheas porque a certas idades o exercicio ten que ser vigoroso ou comportar algún tipo de sacrificio e lembrouse subindo ata un curuto valdeorrés e por máis que rexeitaba as metáforas pensou que a circunstancia era así: distante, difícil e inútil. Que non estades xuntos e quedoulle a frase colgando con pesadez da segunda das mochilas, na que ían as froitas e os allos porros, pero tamén o material para ensalada empaquetado ao baleiro que o abres e xa case está. Quedoulle a frase como un chafariz frontispicial poñéndolle fin a un regato subterráneo. Ía cada vez máis mollado, pero non distinguía se era suor, condensación ou incerteza.

Cando contestou estaba a tres quilómetros da casa. Sabes o que andan dicindo por aí? Replicou: refíreste a iso de que me despediron ou ao asunto de Castro de Rei? Como estudara nun colexio relixioso pero era un ateo dialéctico, cría firmemente na redención das culpas mediante o sacrificio. E subía sacrificado para ese alén indefinido e beatífico no que se faría perdoar delitos non cometidos e corrupcións non denunciadas.

Cando contestou estaba a dous quilómetros da casa. É certo iso que escoitei sobre vós? Pero case non podía falar. As gravidade das mochilas empurrábao contra dentro e a gravidade das preguntas contra fóra e quedaba no medio, disparado, sen saber que é máis certo: o que un procura ou o que a xente di. Porque o día fora normal e levaban unha semana sen discutir. E ela despedírase cedo cun xesto cariñoso.

Cando contestou estaba a un quilómetro da casa. Estás? Estar ou non estar, velaí a verdadeira pregunta. Unha pregunta que non admite a actitude do diletante. Estaba no camiño, estaba baixo as mochilas, pero non estaba el en particular nin a patria en xeral. Non estaba no certo porque todo o mundo chamaba para dicir que non estaban e seguramente sería así, porque todo cristo utiliza as metáforas menos cando queren prexudicar.

Cando contestou estaba no portal da casa. Non sei que dicirche, pero se precisas algo... Quizais precisaba unha testemuña que explicase a calidade do sacrificio. Ou un anuncio no xornal máis lido de Galicia. Ou unha coincidencia. Pero non. Cando a mentira é de moi mala calidade é hora de mentir mellor. Deu volta sabendo que tería que regresar co peso da lista da compra cousa por cousa, sabendo que esta parte do esforzo non podería ser contada. Deu volta para facer a demostración definitiva. Deu volta. De novo.


Ligazóns

5/5 (9 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: