Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACCESO Á FUNCIÓN PÚBLICA

Os indicios de filtracións traen a polémica ás últimas oposicións da Xunta

A CIG ultima unha denuncia por presuntas irregularidades na primeira proba do grupo C. Tres irmáns, inscritos no prazo extraordinario, están entre as cinco mellores notas.

R.V - 11:31 20/10/2009

É posíbel que tres irmáns aproben á vez (coas mellores notas) a mesma oposición? As leis da probabilidade non o impiden e de feito isto vén de suceder no último proceso selectivo do grupo C1 da Xunta de Galicia. Mais esta casualidade canda moitas outras está a causar un profundo malestar entre moitos dos que se examinaron o pasado mes de setembro e que aspiraban ás 154 prazas en xogo. A palabra “filtración” non deixa de ouvirse e todo indica que a Fiscalía vai ter que decidir se hai indicios abondo para abrir unha investigación.

Pero cal é a orixe da polémica? En xullo de 2008 o bipartito convocou as oposicións ao grupo C, establecendo que o prazo de inscrición remataría o 20 de setembro dese mesmo ano. Antes de que se chegasen as realizar as probas, en marzo prodúcese o cambio de goberno. En xuño, o novo executivo de Feijoo aproba unha nova normativa pola cal xa non é obrigado facer un exame de lingua galega para acceder á función pública.

Logo da reforma, o Goberno decide abrir un prazo extraordinario para novas inscricións. Dende a Xunta argumentaban que non se podía discriminar a aquela xente que non se apuntara un ano antes por ser unha proba onde era obrigado o uso da lingua do país. Os novos aspirantes foron admitidos cando xa estaba nomeado o tribunal cualificador.

Notas que sorpreden incluso nas academias
O malestar polos resultados do primeiro exame do grupo C non só se limita aos opositores. Algúns preparadores que traballan en academias consultados por Vieiros aseguran que é máis que estraño que tres persoas que apenas tiveron tres meses para preparar o exercicio estean entre as cinco mellores notas. Os irmáns acertaron 78, 77 e 76 preguntas dun total de 80.

As denuncias multiplícanse diante do temor a que na segunda parte do proceso  poida volver a polémica. Agárdase que entre o 15 de novembro e o 31 de decembro se convoque o exame sobre supostos prácticos, que consiste en 40 preguntas tipo test. As alarmas están todas acesas.

A CIG anuncia accións legais
Para o sindicato nacionalista hai demasiados indicios de irregularidades. De feito, un dos seus dirixentes Manuel Gallardo Canitrot xa anunciou que é moi probábel que nos vindeiros días presenten un escrito na Fiscalía dando conta do sucedido. Dende a CIG salientan que a polémica coincide con que por vez primeira os sindicatos non poideron nomear representantes no tribunal cualificador.


4,93/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: