Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Rede cambio climático

Sindicatos e ecoloxistas coinciden: políticas 'verdes' ambiciosas crearían milleiros de empregos

Greenpeace fala de sete millóns de empregos en todo o mundo até 2030. A Confederación Sindical anima a crear emprego digno.

Redacción - 15:15 14/10/2009

Máis de 80 mil persoas traballan xa a nivel estatal no ámbito das enerxías renovábeis e, deica 2030, segundo a avaliación de Greenpeace, a aposta pola xeración de electricidade a través das renovábeis xeraría como mínimo 170 mil empregos máis, aos que o colectivo prognostica que se sumarían 18 mil máis xerados pola eficiencia enerxética e outros 200 mil relacionados coa tecnoloxía vencellada ao sector con potencial de exportación.

As previsións máis optimistas quedan lastradas na actualidade pola incerteza sobre o grao en que as administracións apostarán por estes sectores. De forma concreta, Greenpeace refírese ao sistema de cotas estabelecido polo goberno español como un freo que causou que moitos deses empregos posíbeis se estivesen perdendo. Por iso, insisten os ambientalistas en que políticas de apoio firme ás renovábeis poden converter o sector "nun dos grandes xacementos de emprego para saír da crise e ao tempo darlle ao noso país enerxía limpa e cada vez máis económica, aproveitando tecnoloxías e fontes de enerxía que non necesitamos traer de fóra, senón que podemos exportar". Greenpeace apóiase para as súas argumentacións no informe "Traballando polo clima. Enerxías Renovábeis e a (R)evolución dos empregos verdes", elaborado polo propio colectivo e o Instituto de Futuro Sostíbel da Universidade Tecnolóxica de Sidney.

Os ecoloxistas contan nesta loita para a presión sobre os gobernos co apoio da Confederación Internacional de Sindicatos (CSI). "É o momento de poñer en práctica unha transición xusta para transformar sostibelmente os empregos de hoxe e desenvolver os empregos dignos e verdes de mañá", expuxo ao respecto do mesmo tema Guy Ryder, secretario xeral da CSI. Ryder negou que as medidas de loita contra o cambio climático teñan necesariamente que causar destrución de emprego e insistiu en que a realidade será xustamente a contraria. "O movemento sindical cre que se os líderes mundiais actúan con ambición fronte ao cambio climático, isto pode e debe impulsar o crecemento económico sostíbel e o progreso social", defendeu.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: