Mentres, Ecoloxistas en Acción destaca o ridículo uso da bicicleta como transporte urbano no Estado Español.
O Goberno presentou publicamente o Plan de Mobilidade e Ordenación Vial Estratéxica (MOVE), que investirá até 2015 un total de 4.265 millóns de euros en infraestruturas, nun modelo de mobilidade "sustentábel". A aspiración do Executivo é superar o 1% do PIB nestas partidas.
A Xunta considera que a mobilidade sustentábel se acadará artellando o país como "unha cidade única" e garantindo que o 80% da poboación estea a "menos de 10 minutos" dunha vía de altas prestacións.
Na presentación do plan, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, afirmou que se “o AVE nos conecta con España e con Europa, o Plan Move conecta os galegos entre si”. Un dos principais obxectivos do Move será "duplicar en cinco anos os quilómetros de vías de altas prestacións".
O plan verase complementado coa potenciación das liñas ferroviarias de proximidade, promovendo asumir as competencias nesa materia, e promover o deseño dunha política aeroportuaria única. Así mesmo, o plan Move procurará mellorar os accesos aos portos e aos aeroportos.
Á cola no uso da bicicleta
A aposta do Goberno parece que seguirá a estar baseada no automóbil, co que a situación irá na mesma liña con respecto a medios de transporte alternativos. Así, o Estado Español está nos últimos postos no uso da bicicleta nos desprazamentos urbanos, segundo un informe presentado por Ecoloxistas en Acción. Os datos fixéronse públicos co gallo da Semana Europea da Mobilidade. A organización salienta que o resto dos países europeos, a pesar de teren climas máis desfavorábeis, fan un uso moito máis elevado deste medio de transporte.
Ecoloxistas en Acción fíxolles un chamamento aos concellos para que permitan e favorazan o uso da bicicleta nas cidades como un xeito de transporte cotián e alternativo ao automóbil. Aseguran que a bici é unha das mellores políticas para reducir as emisións de CO2 e mellorar a habitabilidade. De feito, considérao "un dereito" que moitas persoas non poden exercer porque "os concellos non poñen os medios necesarios" para que se poida circular con "seguridade e eficacia".
O problema é, para Ecoloxistas en Acción, que "a maioría dos concellos teñen políticas de tráfico ancoradas no pasado, que non consideran a bicicleta como un medio de transporte máis". Así, non se ten en conta á hora de deseñar rúas, de organizar a circulación, os cruces sinalizados con semáforos, os aparcadoiros nin a combinación co transporte público.
A organización sinala que moitos estudos demostraron que a bicicleta é o medio de transporte máis rápido, enerxeticamente máis eficaz e máis barato para distancias de até seis ou oito quilómetros. Por iso, pediu que se constrúa unha rede de carrís-bici nas principais vías urbanas, que se pacifique o tráfico nos barrios con zonas de menos de 30 quilómetros por hora e que se dispoña de aparcadoiros seguros para bicicletas.