Xosé Blanco explicou que a medida busca "maior eficiencia e competitividade" entre as terminais galegas, en resposta a unha interpelación do BNG.
Fomento desenvolverá "de xeito inmediato" un comité de desenvolvemento de rutas aéreas para Galiza. Segundo anunciou o ministro, Xosé Blanco, o organismo nacerá para impulsar novos enlaces nos tres aeroportos do país e buscar "maior eficiencia, diversificación e competitividade" cunha estratexia "conxunta".
O ministro respondeu a una interpelación sobre a situación dos aeroportos formulada polo deputado do BNG Francisco Jorquera. Blanco avogou por "unir esforzos e vontades e integrar administracións e axentes sociais". A súa intención é "desenvolvelo de xeito inmediato en Galiza" para "impulsar o tráfico aéreo nos seus aeroportos".
A medida, coa "mirada" no ano xacobeo, aspira a "coordinar o traballo de promoción das institucións galegas para darlle a Galiza novos e diversos servizos aéreos e ser máis eficaces a través unha estratexia de promoción conxunta".
Segundo anunciou Blanco, a Secretaria de Estado de Transportes convocará esta semana unha reunión co presidente de AENA, representantes da Xunta, alcaldes das tres cidades con aeroporto próximo, presidentes das tres cámaras de comercio e o presidente da Confederación de Empresarios.
O Ministerio de Fomento propoñerá a sinatura dun convenio para regular o comité, como no seu día promovera un semellante no caso de Barcelona. Tamén anunciou iniciativas semellantes con outras comunidades autóomas. "Cumprimos así co desexo do presidente da Xunta", concluíu Blanco.
Sistema centralista
Pola súa banda, Francisco Jorquera denunciou a duplicidade de destinos entre as terminais galegas, do que culpou a falta de "visión integral e a unha planificación que atenda as necesidades de Galiza". Así mesmo, asegurou que o sistema "radial" español, "froito dun sistema de xestión centralista", non aproveita "a situación de Galiza na fachada atlántica".