A institución pechou durante dúas horas as portas do edificio por medo a que operarios de Trèves o ocupasen. Cargos públicos alleos ao ente permaneceron recluídos.
Representantes da CIG (esq.) e da UXT
Durante dúas horas, a Deputación de Pontevedra pechou as súas portas este martes pola mañá. Literalmente. Mesmo a entrada principal permaneceu bloqueada polo interior con listóns. A razón, informaron desde o organismo, é que o cento de traballadores de Trèves -en pleno conflito laboral- "ameazaran con tomar o edificio". Finalmente, pouco antes das 12.00 horas, o presidente Rafael Louzán ordeou abrir e accedeu a recibir os representantes dos operarios.
"Estamos secuestrados", afirmaba o director de Comunicación do ente provincial, Martín Fernández, este martes pola mañá. "A xente non pode entrar nin saír. A alcaldesa de Cangas (Clara Millán) está no interior e o presidente da Mesa (Carlos Callón), que tiña unha xuntanza co presidente da Deputación (Rafael Louzán) non puido acceder", sinalaba.
A razón de fechar as portas, segundo Fernández, adoptouse debido a toma do salón de plenos hai un par de semanas polos operarios e operarias de Trèves. Porén, representantes sindicais vían as cousas doutro xeito. Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional do sector da CIG, afirmaba que a situación podería "mesmo rozar o delicto", ao ser a sede da Deputación un edificio público.
Fernández Piñeiro dixo que a protesta era "pacífica" e "sen ánimo de entorpecer o traballo dos funcionarios". A razón de se concentrar diante do inmóbel do ente provincial é "pedirlle explicacións a Louzán", que "durante un mitin electoral prometeulles aos traballadores que os recibiría na Deputación, que era a súa casa".
Conflito laboral
Os 133 empregados da empresa Trèves, auxiliar da automobilística PSA-Peugeot-Citröen, exixen un compromiso "real" da Administración para evitar os despedimentos previstos pola multinacional francesa, que presentou un ERE.
A factoría, situada na Avenida de Vigo, pretende extinguir até final de ano os postos de traballo. Os operarios retomaron este mes as mobilizacións. Trèves ten previsto pechar a nave e trasladala a Marrocos.