Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Iniciativa colectiva

A rede mobilízase por un Culturgal sen a Xunta

Un grupo en Facebook xunta máis de 350 membros en dous días para organizar a feira da cultura galega sen o subsidio da Consellaría de Cultura.

Redacción - 16:45 11/09/2009

A cultura galega non debe quedar sen a súa feira. Iso pensan as máis de 350 persoas que en menos de dous días se uniron na rede social Facebook ao grupo “Queremos Culturgal 2009”. Logo de que o mércores se soubese que a Consellaría de Cultura non vai financiar este ano a celebración da feira galega das industrias culturais, púxose en marcha esta iniciativa que quere ser algo máis que unha simple reclamación simbólica. O obxectivo é que no 2009 si haxa Culturgal.

Na noite do 9 de setembro a escritora e xestora cultural Tati Mancebo creou o grupo en Facebook, coa idea de organizar unha rede que permitise desenvolver a feira cultural sen a necesidade da achega orzamentaria da Xunta. E os ofrecementos de colaboración non tardaron en chegar: entre os centos de persoas inscritas, hainos que se apuntan a desenvolver traballo voluntario, impartir obradoiros, programar grupos de música, coordinar proxeccións audiovisuais, asesorar ou establecer contactos internacionais. As propostas son variadas, e até inclúen recuperar os Premios Nacionais da Cultura.

O luns 14 de setembro está previsto abrir un blog para relanzar a iniciativa máis aló do Facebook. Contará con espazo para debater aspectos organizativos e incluso un formulario para que quen o desexe subscriba o seu compromiso de colaborar co seu tempo e coñecementos no Culturgal.

Malestar na Coruña
O rexeitamento da Consellaría de Cultura e Turismo a financiar este ano a feira galega das industrias culturais tamén provocou o malestar do Concello da Coruña. A conselleira nacionalista Ánxela Bugallo manifestara ao final da pasada edición que o Culturgal tería como sede permanente a cidade herculina. A concelleira de Cultura da cidade, María Xosé Bravo, amosou a súa “ profunda decepción” pola decisión da Xunta de non convocar este ano a feira, que calificou como “unha valiosa oportunidade de negocio para as empresas do sector”.


4,73/5 (30 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: