Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OUTONO

Na programación da TVG xa non hai debate

A grella da televisión pública prescinde dos coloquios políticos e substitúe Hai Debate! por un espazo presentado por Carlos Luís Rodríguez.

Redacción - 12:15 11/09/2009

A directora da TVG, Rosa Vilas, deu conta este venres da nova programación da televisión pública, presentada "por primeira vez" nun plató, o do espazo deportivo Zona Champions, como mostra da nova política de "aproveitar recursos" no contexto de crise económica e de aforro que pretende impulsar a casa. As novidades arrincarán o luns 14.

Porén, o novo equipo non introduciu aínda grandes cambios na grella de programación. Alén do novo macromagacín matinal, o xa presentado Bos Días, que durará de oito a 13:40 horas, un dos cambios máis salientábeis é a desaparición do programa Hai Debate! No seu lugar, Carlos Luís Rodríguez regresa á canle con Foro Aberto, un espazo máis centrado en temas "de carácter social e de interese humano" e que excluirá o debate parlamentario presente na anterior etapa. Estará dirixido por Tino Santiago. O novo espazo comezarase a emitir o 21 de setembro, ocupando o oco deixado por Hai Debate!

No eido de informativos haberá algúns cambios diante da cámara. Por exemplo, desaparecen Manuel Pampín e Teresa Castelo da fin de semana, substituídos Alfonso Pérez e Marga Pazos; Alfonso Hermida pasa ao Telexornal Serán para acompañar a Ana Pérez, mentres que ao mediodía volve Francisco López Iglesias, con Irene Lourido, que pasa de deportes a información xeral.

Outra novidade é a volta do programa Reporteiros, na sobremesa dos sábados dende outubro. Continuarán as series de éxito: Padre Casares, Libro de Familia, Gondar e Matalobos, ás que se sumará dende o xoves 17 O Nordés, serie "máis urbana" centrada na redacción dun xornal vigués.

Aínda que o PPdeG pedira a retirada da telenovela Anxo rebelde, os culebróns volven á grella da Galega na súa nova etapa. Será Coidado co anxo, coa súa dose diaria de amores e desamores exóticos, que se está a emitir con éxito na televisión andaluza e en países do leste de Europa.

Xosé Barato conducirá unha sorte de docu-show xenealóxico, A miña famosa familia, que descubrirá os afamados antecesores de xente corrente e está baseado nun formato británico. Inmigrantes aprendendo oficios tradicionais galegos serán os protagonistas de Made in Galicia, formato creado polo estudantado do Máster de Xestión Audiovisual de La Voz de Galicia e desenvolvido pola produtora dese grupo audiovisual. Manteranse Botarse ao monte, Larpeiros, Criaturas, Alalá, Vivir Aquí, Doa a Doa, e Xosé Manuel Orriols regresa co seu programa, desta volta titulado De viaxe.

En outubro, Roberto Vilar presentará, os sábados á noite, o espectáculo de humor Land Rober, xa sen o seu inseparábel Víctor Fábregas dos Tonechos. Sobra dicir que seguirá o incombustíbel Luar, que chega o día 18 á súa temporada 18, con poucos cambios, entre eles a incorporación de David Amor como monologuista.

Dentro dos espazos culturais, sobreviven Miraxes, Planeta Cine, Libro Aberto e Onda Curta. A música clásica terá o seu espazo na mañanciña do domingo, Sempre Clásica, mentres que o pop e o rock quedan orfos na TVG. O director de programas, Fernando Madriñán, recoñeceu que "non hai definido ningún programa de música", cando menos, deica xaneiro.

Segunda canle
A irmá pequena, a G2, irá incorporando novidades a partir do luns, aínda que, polo momento, non ten perfilada unha nova programación, que se presentará "no seu momento" porque se está "traballando e perfilando os últimos detalles". En calquera caso, os responsábeis da televisión pública pretenden darlle máis unidade, engadirlle protagonismo á programación infantil, manter os deportes da fin de semana e achegar programas culturais que non teñan cabida na primeira canle.


1,71/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: