Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis de 800 embarcacións

Paro da flota de baixura na ría de Vigo contra o porto de Massó

Convócao a Confraría de Pescadores de Cangas e secúndao en terra o Foro Social. Rosa Quintana, conselleira de Pesca, pide "que se rebaixe a tensión".

Redacción - 10:30 11/09/2009

A flota de baixura da Ría de Vigo leva a cabo este venres unha xornada de paro xeral para manifestar o seu rexeitamento á construción do porto deportivo de Massó, na zona do Salgueirón, neste municipio do Morrazo, xa que prexudica a súa actividade, especialmente a do marisqueo.

Coa protesta, pescadores e mariscadores desta e doutras comarcas pretenden "dicirlles a Caixanova e á Administración" que as confrarías non permitirán "a desfeita de Massó". Esta xornada inclúe unha concentración de embarcacións, ás 11.00 horas, fronte a esta vella factoría que secunda en terra o Foro Social.

Os colectivos que acordaron esta medida foron, ademais do de Cangas, os de Moaña, Redondela, Arcade, Vigo, A Guarda, Aldán, Bueu, a cooperativa Mar do Morrazo, a agrupación marisqueira Pedras de Oliveira e algúns mexilloeiros. En total, representan entre 800 e 900 embarcacións.

As confrarías solicitaron entrevistarse co ministro español de Fomento, Xosé Blanco; co presidente de Portos do Estado, Fernando González Laxe; co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; e coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, para lles pediren a paralización das obras.

Precisamente, esta última sinalou en declaracións á Radio Galega que cómpre "que se rebaixe a tensión".


5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: