Os pais protestaron con anterioridade en varias ocasións, mais fontes da Consellaría de Educación afirman que descoñecen os casos.
A Xunta suprimiu varios postos
Unha vintena de pais de alumnos de educación infantil do colexio de Boimorto (Arzúa) decidiu non enviar esta quinta feira aos seus fillos ás aulas e convocar unha manifestación pola supresión da docencia de dúas profesoras dese nivel.
"A Xunta está facendo aforro á conta da educación dos nosos fillos", denunciaron desde a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do centro. Pola súa banda, fontes da Consellaría de Educación afirmaron que descoñecían o caso.
Ademais, o centro escolar de Boimorto tampouco contará este curso cun docente de audición e linguaxe, que atende clases de primaria e secundaria, nin con outro de educación especial.
Os pais afectados entregarán na Xunta un escrito para reclamar que se atendan as necesidades dos seus fillos, aínda que xa o fixeron o pasado 3 de agosto mais non obtiveron ningún resultado.
Colexios dos Ancares e do Courel
Tampouco os 20 alumnos do colexio A Ponte de Doiras, en Cervantes, puideron comezar o curso escolar como o resto de cativos do país. No seu lugar, achegáronse deica o centro os seus pais para protestaren pola supresión dun profesor de educación infantil.
Esta cuarta feira, oito directores doutros tantos centros educativos das comarcas dos Ancares e do Courel, onde está emprazado o A Ponte de Doiras, fixeron público un comunicado en que reclaman que cuestións como número de alumnos, nivel, ciclo ou etapa non sexan o único argumento para dotar de recursos os colexios desta zona.