Os székely, parte da minoría húngara de Transilvania, aceleran a súa demanda autonomista. Mentres, o novo poder en Moldavia aspira á unificación co país veciño.
Manifestación autonomista székely
Os székely, unha parte significativa da minoría húngara de Transilvania (Romanía), que aspira a unha maior autonomía política do seu territorio histórico, o Székelyföld, avanzou esta semana un pouco máis nas súas reivindicacións.
Nunha xuntanza desenvolvida o pasado sábado e domingo na localidade transilvana de Székelyudvarhely (Odorheiu Secuiesc, en romanés), acordaron os que serán os seus símbolos: unha bandeira, un escudo e un himno.
O Consello Nacional Székely (SZNT) e o Partido Cívico Magiar, as dúas principais organizacións a prol do autonomismo, foron as que convocaron os perto de medio milleiro de representantes locais que reclamaron ademais a creación dun autogoberno magiar, con voz de seu na Unión Europea.
Neste senso, aprobouse o envío dunha proposta de Estatuto ao parlamento romanés, así como tamén a posibilidade de convocar referendos nas vilas székely en apoio da autonomía. Porén, Bucarest insiste en que a Constitución estabelece claramente que Romanía é un Estado unitario, sen posibilidade para a autonomía territorial.
Moldavia: "Adeus Rusia, ola Romanía"
O dos székely non é o único movemento que se está a producir nesta rexión de Europa. Un pouco máis o leste, en Moldavia, o novo Goberno de coalición (liberal e proeuropeo) non oculta as súas arelas de largar cabos de Rusia para os amarrar a Romanía.
Aínda que matizou que se trata dunha opinión a título persoal, o presidente do Parlamento e líder do Partido Liberal de Moldavia, Mihai Ghimpu, declarou o seu desexo de que o país desapareza e se integre en Romanía. O que si é un feito é que a primeira medida dos deputados será eliminar a petición de visado aos cidadáns romaneses.
Dentro dos obxectivos do novo Executivo, que desbancou este verán do poder os comunistas -partido maioritario na Cámara de representantes, logo de conseguir o 45% dos votos nas eleccións de xullo-, tamén está o de convencer a Rusia de que retire as súas tropas de Transnistria
Transnistria quere camiñar soa
No entanto, Igor Nikolayevich Smirnov, presidente desta república autoproclamada, considerada internacionalmente como territorio moldavo, reiterou hai poucos días o seu firme rexeitamento a unha reunificación en Moldavia. Pola contra, agarda que a vontade independentista expresado nun referendo en 2006 sexa finalmente recoñecida mundialmente.