Determinará se houbo neglixencia no bombardeo en Kunduz onde morreron 95 persoas, moitas delas civís.
A Misión das Nacións Unidas en Afganistán (UNAMA) vai enviar un equipo de investigadores para determinar as posíbeis neglixencias cometidas polas tropas da OTAN no bombardeo aéreo que causou a morte de, cando menos, 95 persoas, moitas delas civís, na provincia de Kunduz.
Nun comunicado, o número dous de UNAMA, Peter Galbraith, amosou a súa preocupación polas informacións publicadas nos medios que apuntan a que se produciron múltiples vítimas civís durante o ataque aéreo.
Segundo a OTAN, un dos seus comandantes autorizou o bombardeo a primeira hora da mañá despois de "observar actividade da insurxencia" na zona e "avaliar que non había civís", despois de serlle notificado o roubo de dous camións cisterna. O mesmo organismo confirmou despois que recibira informacións de que "algúns civís" morreran ou resultaran feridos.