O concelleiro Ignacio López-Chaves denunciou que a ordenanza de normalización lingüística, vixente dende hai 21 anos, non é bilingüe.
O edil do PP de Vigo Ignacio López-Chaves anunciou que presentará unha moción para pedir que se modifique a ordenanza municipal de normalización lingüística. Ao seu entender, "non di que o castelán tamén é idioma oficial" do concello, polo que ese "erro" vai "en contra do Estatuto e da Constitución".
A ordenanza redactouse hai 21 anos e, até o momento, ningún grupo municipal, incluído o popular, pedira modificala. López-Chaves xustificou a súa decisión polo feito de que houbo un "grave deterioro do exercicio de liberdade lingüística" no Concello. Segundo o concelleiro, unha integrante do grupo do BNG pediu que non se aceptase unha moción do PP porque estaba redactada en castelán, co que incumpría a ordenanza.
Ademais de modificar ese texto, que valorou como "barbaridade xurídica", o grupo do PP de Vigo pedirá que os impresos municipais estean tamén en castelán, e que os escritos dirixidos á cidadanía estean "na lingua que os vigueses decidan".