Entre as case 2.600 curtametraxes recibidas, o festival seleccionou as 129 que se exhibirán do 10 ao 17 de outubro en Compostela.
Imaxe de "A nena que tiña unha soa orella"
O Curtocircuito xa fixo a súa selección. A sexta edición do festival internacional de curtametraxes escolleu as 129 curtametraxes de 36 países diferentes que exhibirán do 10 ao 17 de outubro en Santiago de Compostela. A escolma fíxose entre as máis de 2.600 curtametraxes recibidas.
O festival conta con seccións internacionais de animación, documental, experimental e ficción internacional, ademais dun apartado para curtas galegas e outro para traballos do Estado. No Curtocircuito poderán verse curtametraxes europeas e estadounidenses, pero tamén doutros países como Corea do Sur, Senegal, Irán, Brasil, India, Filipinas, Nova Zelandia e Xapón.
A escolma de curtametraxes galegas está formada por A nena que tiña unha soa orella, de Álvaro León; Anim 01, de Juan Lesta e Belén Montero; Campás, de Jairo Iglesias; Dies dei, de Nani Matos; O soldadiño de chumbo, de Virginia Curiá e Tomás Conde; Entrevías, de Edu Lavandeira; A miña vida nas túas mans, de Nuno Beato; O pintor de ceos, de Jorge Morais; O raio transparente, de Pancho Lapeña; Pola mañá, de Toño Chouza; The werepig, de Samuel Ortí; Uruguay 2030, de Rafa de los Arcos; Vellas, de Carlos Prado e X nada, de Dani de la Torre e Toni Veiga.
25 curtas no festival de Bueu
Antes da cita co Curtocircuito, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu celebra a súa segunda edición. Do 7 ao 12 de setembro poderanse ver na vila do Morrazo 25 curtas Bélxica, Arxentina, Estados Unidos e do Estado. Entre as seleccionadas atópanse dúas producións galegas: O pintor de ceos e Pola mañá.