A CDU da chanceleresa Angela Merkel perde ampla cota nas votacións en Turinxia, Sarre e Saxonia a un mes das eleccións xerais.
Segundo os primeiros datos, saídos das enquisas a pé de urna, os pactos da esquerda poderían apartar do poder os conservadores da Unión Cristiá Demócrata (CDU) no Sarre e en Turinxia. Ambos os dous estados alemáns viñan sendo fortín da dereita desde hai unha década, pero na votación deste domingo, os electores retiráronlle unha parte significativa de apoios. Nun terceiro estado onde se votaba, Saxonia, a formación da chanceleresa Angela Merkel si continuaría con vantaxe no poder, segundo estas primeiras estimacións.
Tanto en Turinxia como no Sarre, a CDU sufriría perdas de até dez puntos. Os resultados chegan a un mes das eleccións xerais en Alemaña. Cara a aquela cita, a CDU avantaxa os socialdemócratas da SPD nas enquisas por até quince puntos de diferencia. Malia o agoira de vitoria para Merkel en setembro, o líder da SPD e candidato a relevala no poder, Frank Walter Steinmer, xa valorou a decisión expresada polos electores nos comicios deste domingo como un sinal dun cambio de tendencia nos apoios dos cidadáns.