Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Logo da supresión da gratuidade

Educación gastará 190 mil euros en informar do novo modelo de axudas para libros de texto

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, cualificou de "falsa gratuidade" o sistema anterior e presentou a campaña bautizada "gratuidade solidaria".

Redacción - 17:30 28/08/2009

"Introdúcese por vez primeira en Galiza a gratuidade real e efectiva nos libros de texto", asegurou este venres o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, durante a presentación do proxecto que ao respecto do material escolar despregará a Xunta cara a este próximo curso. Insistiu Vázquez en que co sistema deseñado polo bipartito o alumnado non quedaba cos libros en propiedade. "Falar de gratuidade era ficticio", teimou o conselleiro, sinalando ademais que as axudas outorgadas non cubrían todos os libros de texto "nin a aparición de cadernos complementarios que desvirtuaron o sistema".

Coa iniciativa do equipo do PP no Goberno, afirmou Xesús Vázquez que sete de cada dez escolares se beneficiarán das novas axudas. O 25% recibiría axudas de até 180 euros, definida por Vázquez de "gratuidade total", e o 40% tería axudas de até 104 euros, "arredor do 60%" do custe medio, segundo os cálculos da consellaría. O prazo de solicitude das axudas comeza o 1 de setembro e remata o 30 de setembro e aseguran desde a administración que os pagos se farán nun prazo de entre 15 e 20 días desde a realización da solicitude. As peticións poden facerse nas escolas, nas sedes da Xunta ou a través da web Gratuidadesolidaria.xunta.es.

Xustamente, a web forma parte da campaña informativa que sobre este cambio de sistema despregará a Consellaría de Educación. O departamento de Xesús Vázquez gastará 190 mil euros na publicidade do novo modelo. As familias con escolares de 1º, 2º, 5º e 6º de Primaria e as que teñan rapaces en aulas de Educación Especial recibirán na casa un tríptico informativo onde se explica a documentación requirida, os niveis de renda, como calcular a axuda que corresponde e o prazo de solicitude. Na defensa do cambio, o conselleiro citou o caso de Asturias, cun "sistema similar de propiedade" que, di Vázquez, é de "maior utilidade" para os cativos. Expoñen desde Educación que isto permitirá "empregar os libros de texto como unha verdadeira ferramenta de traballo". "Poder subliñalos, anotalos ou dispoñer deles na biblioteca doméstica permitirá aumentar o rendemento académico dos escolares", indican.


1,5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: