A rede social Metalicia publica a segunda escolma de cancións de bandas galegas de metal.
Actuación de Tálesien
Hai un local en Galiza onde cada día se xuntan 130 grupos de metal e máis de 600 afeccionados aos sons máis duros, a épica e os riffs de guitarra. Ese local está en internet e chámase Metalicia. A rede social que reúne a bandas e amantes do metal acaba de publicar o segundo disco compilatorio, que se poden descargar de forma gratuíta desde a súa web.
A escolma contén temas de 26 das bandas rexistradas na web. Os responsábeis da web, que se puxo en marcha en setembro do ano pasado, queren que estas compilación periódicas se convertan nunha referencia, a mellor maneira de achegarse ao que se está a facer no metal en Galiza. Ademais de poder descargala da web, a escolma poderá mercarse en locais de música metal ao prezo de un euro.
O álbum contén temas en galego, inglés e castelán. Nel participan bandas de referencia no metal galego, como Tálesien, Freedom Xlave, The Codename, Labazada e Cadalso, xunto con outras bandas máis novas como Dharma, Malasombra e Enuma Elis. Outras bandas presentes no disco son Hestia, Masmel, To Nowhere, The Undressed, NightCrawler, Trashnos e Maldia.
Este é o segundo compilatorio de metal que editan desde esta web. En setembro do ano pasado lanzaron o primeiro, que incluía 23 temas de grupos como Agónica, Rever, N.O.T., Xtress e Mutant Squad.