Con 2.14m de altura Jeleel Akindele chega con boas cifras na tarefa de apañar rebotes e fecharlle chapeirazos aos tiradores rivais.
"É un xogador que buscabamos para ter consistencia a nivel defensivo e con boa marxe de progresión", destacou este mércores Miguel Juane, director deportivo do Obradoiro Xacobeo Blu:sens. "É moi intenso e corre ben todo o campo, un xogador atlético que nos permitirá ser un equipo que queira xogar rápido", valora Miguel Juane.
Os afagos son para Jeleel Akindele, nado na localidade nixeriana de Ogun hai 26 anos. Cos seus 2.14m de altura, Akindele chega do conxunto italiano Scavolini Pesaro, mais xa acumulou experiencia anteriormente no Pau Orthez francés. Formado en Estados Unidos, acadou título de mellor defensor no seu paso polo Chicago State. Na súa recente tempada en Italia anotou 11,5 puntos de media e 6,7 rebotes por partido (entre os doce mellores daquela liga neste apartado). Ademais, destacouse cunha media de 1,7 chapeirazos por partido, media de tapóns que o colocou como o segundo mellor na lista italiana. Tamén fixo brincar os seareiros nas bancadas en repetidas ocasións cos seus mates (o terceiro no ranking italiano á hora de mallar no aro rival). "Recorda a forza intimidadora do Lavodrama dos seus mellores tempos", analizou Miguel Juane sobre a nova fichaxe, lembrando o famoso xogador do Oar.