Abe Rábade e Paco Charlín únense a dous músicos neoiorquinos nunha actuación única
O baterista Bill Goodwin
O cemiterio de Bonaval en Santiago de Compostela será testigo dunha actuación única. Bill Goodwin e Adam Niewood chegan desde Nova York para unirse a Abe Rábade e Paco Charlín e crear o Bill Goodwin Quartet. O baterista que lle dá nome ao grupo é unha lenda viva no jazz da outra beira do Atlántico, que compartiu escenario con algúns dos grandes da historia e agora o fai con dous dos responsábeis do bo momento do jazz feito en Galiza.
A cita co Bill Goodwin Quartet é este luns ás dez da noite, dentro da programación do Festival dos Abrazos. Será a oportunidade de asistir a un abrazo musical entre o jazz que se está a facer neste momento en Galiza e en Nova York.
Á cabeza deste cuarteto está Bill Goodwin. Desde que comezou a súa carreira profesional en 1959, foi compañeiro de viaxe de instrumentistas da talla de Bill Evans, Dexter Gordon, Art Pepper, Bobby Hutcherson e Keith Jarrett entre outros, ademais de tocar en discos de Manhattan Transfer e Tom Waits. Na actualidade é produtor e compoñente do Phil Woods Quintet, cos que conseguíu varios premios Grammy. Con el chega Adam Niewood, un saxofonista novo que compatibiliza a faceta de creador e intérprete coa didáctica.
Pola banda galega participan dúas das figuras máis dinámicas do jazz do país. Abe Rábade e Paco Charlín embárcanse con frecuencia en novos proxectos que comparten con músicos do ámbito penínsular e doutras partes do mundo. Ambos comparten a dirección do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e desenvolven carreiras sólidas como líderes das súas respectivas formacións.