Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA NA SANIDADE

O Sergas: entre a modernización e a privatización

O PP defende que está a traballar desde o primeiro día na mellora da calidade do sistema sanitario. A oposición lamenta os chanzos dados a favor da concertación.

Redacción - 17:00 12/08/2009

Logo da polémica xerada nos pasados días a prol da eliminación das horas extras nos hospitais, o Goberno fixo este mércores balance da súa política sanitaria nos primeiros cen días de goberno. O Partido Popular (PP) fala de modernización do sistema público de saúde e asegura que, dende o primeiro día, a Xunta está a "traballar para mellorar a calidade do sistema sanitario" que, adianta, "empeorara drasticamente durante o goberno do bipartito", a quen acusa dun "aumento significativo do gasto público que non se acompañou dun aumento da calidade asistencial".

O responsábel de Sanidade do Grupo Parlamentario do PPdeG, Rosendo Fernández, afirmou que "descoñece" se a Consellaría deu ordes de suprimir as horas extra, coñecidas como peonadas, nos hospitais públicos, se ben adiantou que iso sería "inexplicábel". Ademais, asegurou que sería "unha irresponsabilidade" non realizar consultas ou intervencións urxentes só "porque non pode haber peonadas" e engadiu que "iso non o vai permitir a Consellaría". Nesa liña, o deputado popular explicou que este sistema de horas extras "son un mecanismo de xestión totalmente perverso, posto en marcha intensamente na anterior lexislatura" o que, ao seu entender "nin provocou a diminución das listas de espera nin a mellora da calidade sanitaria". Así, avogou por "programar e avaliar a xornada ordinaria e, se nalgún momento é necesario, facer autoconcertos", se ben adiantou que tamén hai que contemplar outras medidas, como "a hospitalización a domicilio ou as consultas de alta resolución".

Con respecto á modernización da sanidade galega nas mans do Partido Popular, Rosendo Fernández, subliñou "a posta en marcha do Plan Estratéxico do Sergas" ou o Programa de Prescrición de Medicamentos Xenéricos. Acusa ao anterior goberno de deixar grandes eivas no sistema sanitario, das que apunta "o aumento das listas de espera, a falta de coordinación entre Atención Primaria e Atención Especializada ou a desmotivación dos profesionais". Contra esta situación, entende que o PP está a traballar "seria e rigorosamente" no marco do Plan Estratéxico, con medidas encamiñadas a "optimización dos dispositivos asistenciais, desburocratización das consultas e organización da atención ao doente".

Co actual sistema, a actividade extraordinaria é imprescindíbel, di o PSdeG
Malia o descoñecemento da eliminación das peonadas que argumentaba o Grupo Parlamentario Popular, os socialistas aseguran que "esa orde foi dada" e insisten en que ademais se fixo efectiva "en consultas de alta resolución", fundamentalmente oncolóxicas, empregadas para dar ao paciente un diagnóstico no mesmo día. Así o asegurou o voceiro de sanidade do Grupo Socialista, Modesto Pose, quen asegurou "ter información" de esta medida, que estaría xerando "alarma en algúns servizos", como os de patoloxía tumoral, cirurxía torácica e uroloxía.

O socialista lembrou que o sistema de peonadas "naceu e medrou" cos goberno de Manuel Fraga e que o bipartito o mantivo por "responsabilidade". Modesto Pose, asegurou que a súa formación non defende este modelo, mais entende que "a actividade extraordinaria é, a día de hoxe, imprescindíbel.

O PSdeG presentou unha proposición non de lei no Parlamento na que insta á Xunta a presentar "no prazo dun mes" un informe de avaliación da actividade extraordinaria nos centros sanitarios "hospital por hospital e servizo por servizo" avaliando ademais o seu custe económico, impacto asistencial e situación actual das listas de espera. Así, piden ao Goberno "que deixe sen efecto as instrucións dadas para suspender as peonadas" mentres non se coñeza o resultado deste estudo.

O BNG ve na supresión das horas extras un chanzo cara a privatización
Malia que os nacionalistas advirten que non comparten o actual sistema baseado na xeneralización das peonadas, instan ao Goberno a que propoña outra alternativa antes de "suprimir dun plumazo" o actual. A portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario do BNG, Ana Luísa Bouza, entende que, do contrario "estamos abocados á ampliación da concertación con centros privados". Explica que "mentres non se dean os cambios estruturais que precisa o sistema sanitario público galego", as peonadas son "un mal menor" ante a alternativa da "privatización e descapitalización dos recursos humanos do Sergas".

O BNG pide á Xunta que dea conta do impacto real que vai ter a decisión de suspender as operacións e consultas nos hospitais públicos, así como os custes para o erario público de derivar pacientes á privada. Ademais, para Bouza é mellor "autoconcertar" que concertar coa rede privada, se ben entende que "o obxectivo da consellaría pasa directamente pola privatización", unha vía coa que discrepan os nacionalistas.


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: