A Federación Ecoloxista Galega promove unha campaña de sensibilización para, aínda que a meteoroloxía axude este verán, non esquecer a ameaza de incendios.
"Vai pola sombra", lemos no cartaz que a Federación Ecoloxista Galega (FEG) distribúe por todo o país. Un instrumento máis de sensibilización contra o lume nos montes.
"Este verán en Galiza non temos sufrido o devastador efecto dos incendios como noutras zonas da península ibérica, pero todos os anos temos nos nosos bosques a súa pegada terríbel", expoñen desde a Federación. Recordan que os bosques son importantísimos non só pola grande diversidade de vida que manteñen e protexen baixo as copas das árbores "se non polo efecto de retención de auga, produción de osíxeno, a protección do solo….". Teñen ademais outros valores "como o de dar sombra e protexernos da calor, e de aí o lema Vai pola sombra pero tamén no senso de vai con coidado, ten coidado co lume", explican.
A iniciativa abrolla desde terras lalinenses e o cartel deseñouno o estudo de arquitectura de Luis Gil Pita e Cristina Nieto, sensibilizados a raíz da vaga de incendios de 2006. Colaboran tamén Celso Fernández Sanmartín, poeta e contacontos, a imprenta Alvarellos, a asocación ecoloxista de Lalín “Sobreira” e a Federación Ecoloxista Galega que distribúe o cartel entre as asociacións ecoloxistas para que se imprima e se colgue por toda Galicia.