O secretario xeral dos socialistas defende que a súa formación ten vocación de "goberno maioritario".
"Non haberá máis bipartitos", responde o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, á pregunta de se o seu partido descarta reeditar o bipartito. Foi durante a entrevista concedida ao xornal madrileño Público e publicada este domingo. "O PsdeG non é partido de coalicións", engade, "Obtivemos un gran apoio nas xerais, pero faltounos respaldo nas autonómicas, por ese motivo debemos amosar que temos un proxecto para Galiza".
Entre outros, Vázquez analiza as razóns da perda do poder do bipartito nos comicios do pasado 1 de marzo, atribuíndolle o acontecido á sensación de "falta de control, de existencia de dous gobernos". "Houbo detalles que non soubemos explicar ben, como o asunto da lingua", di, "gobernamos para quen non nos quería escoitar e esquecemos a xente que esperaba un cambio".
Transición "demasiado tranquila"
"Quixemos facer unha transición demasiado tranquila, xestionamos moi ben este país pero fixemos pouca política, co que se produciu o paradoxo de que chegamos ao goberno por unha présa de votos de diferencia, os mesmos polos que perdemos", argumenta o líder dos socialistas galegos. "Con 25 deputados formamos goberno e agora cos mesmos estamos na oposición", defende.
"Desmontar un modelo que leva 25 anos funcionando e poñer en marcha outro non é sinxelo", explica, "gobernamos tres anos e medio e nese tempo é moi difícil cambiar o país, ademais non se deron as circunstancias nin os acertos que debiamos acometer". "Distanciámonos da nosa estrutura política, dos que nos apoiaron ao chegar", inclúe na súa análise.