Greenpeace presentou a actualización da súa Guía Vermella e Verde dos fabricantes que utilizan ou rexeitan organismos modificados xenéticamente.
As guías recollen as empresas que usan os transxénicos e aquelas que os rexeitan
Como un documento vivo que vai modificándose segundo os cambios de posicións da industria alimentaria, as Guías Vermella e Verde de Greenpeace ofrecen unha fotografía móbil das empresas que empregan ingredientes transxénicos ou os seus derivados nos seus produtos e daquelas que os rexeitan.
Na alimentación humana, os compoñentes deste tipo máis habituais na Unión Europea son as variedades de millo e de solla. A partir deles xéranse outros ingredientes e aditivos derivados, como a fariña, proteína, aceites e grasas, emulxentes ou mono e diglicéridos de ácidos graxos (da solla); ou o almidón, sémola, glugosa, fructosa, dextrosa, sorbitol ou caramelo (do millo).
Alimentos en verde
A Guía Verde inclúe aqueles produtos dos que colectivo ecoloxista ten constancia que non empregan transxénicos nin os seus derivados nos seus compoñentes ou aditivos.
Como novidade desta cuarta edición, varias empresas que figuraban na lista vermella entregaron á organización a documentación necesaria que garante que non empregan este tipo de ingredientes nos seus produtos. Bimbo/Martínez (panadería, bollería); Virxinias (galletas, turróns, barriñas de chocolate); ou Hero (marmeladas, zumes, alimentos infantís), que en anteriores publicacións estaban na lista vermella por non poñer á disposición da organización os documentos requiridos, agora están no listado verde.
Alimentos en vermello
Mentres, o listado vermello inclúe aqueles produtos dos que os fabricantes non ofrecen garantías sobre a ausencia deste tipo de compoñentes e aqueles que conteñen transxénicos, ben aparecendo referenciado na súa etiquetaxe ou non.
Segundo Greenpeace "a inmensa maioría dos fabricantes decidiron abandonar estes perigosos ingredientes", se ben aínda existen empresas que non ofrecen as suficientes garantías da súa ausencia, como Nestlé (Nestlé, Numil) ou Unilever (Knorr, Ligeresa, Tulipán, Flora, Frigo).