A organización ecoloxista Adenco considera ridícula a sanción que Cultura lle impuxo a unha empresa por efectuar movementos de terra no entorno do Castro de Troña.
Sen licenza do concello, sen a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e ocasionando danos no entorno. Augas de Mondariz acaba de recibir unha sanción por parte da Consellaría de Cultura por "unha infracción administrativa" consistente en "efectuar algúns movementos de terras e outros traballos no entorno do Castro de Troña", en Ponteareas, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC). A cuestión é que esta multa ascende a tan só dous mil euros, cando as sancións por este tipo de irregularidades poden alcanzar até os 60 mil.
Agresión ao patrimonio
A organización ecoloxista Adenco considera que esta cantidade é ridícula e lamentan que "atentar contra o patrimonio cultural de Galiza resulta pouco menos que gratuíto". Foi este colectivo o que presentara unha denuncia perante a Dirección Xeral de Patrimonio hai máis dun ano, por entender que se "estaba a cometer unha agresión de notábel alcance ao monumento". Agora, subliñan a mesquindade da sanción malia que o expediente sancionador recoñece que se produciu "unha modificación parcial da pendente orixinal do terreo", "a apertura dunha pista de tres metros de ancho" e a "creación de varios bancais", así como que os movementos de terra se produciron a menos de 200 metros de distancia do castro, área de protección.
Finalmente, entenden que Augas de Mondariz está a mofarse das normas ambientais, xa que alegou que descoñecía que tiña que solicitar as preceptivas licenzas tanto do concello como de Patrimonio. Ademais, reiteran a súa denuncia sobre o abandono do xacemento por parte do concello de Ponteareas, tanto no seu mantemento como na súa promoción.