Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS PROMETIDAS AXUDAS DIRECTAS

Menos dun céntimo de euro por quilo de cota láctea

Os tres sindicatos agrarios consideran "insuficientes" os 20 millóns de euros que a Xunta destinará aos gandeiros.

Redacción - 19:00 05/08/2009
Samuel Juárez mantivo unha xuntanza cos tres responsábeis sindicais

Samuel Juárez mantivo unha xuntanza cos tres responsábeis sindicais

A última xuntanza celebrada este mércores na que o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, detallou aos responsábeis sindicais os detalles do plan lácteo non deixou contento a ninguén. As tres centrais con representación entre os gandeiros, Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego, coincidiron en definir como "insuficientes" os 20 millóns de euros que a Xunta asegurou que destinará a axudas directas ás explotacións lácteas.

O Goberno decidiu repartir esta cantidade en función da cota láctea coa que conte cada explotación. Así, segundo os cálculos dos sindicatos, suporá o pago de aproximadamente 0,0089 euros por cada quilo de cota, é dicir, moi lonxe tan sequera dun céntimo por quilo. En Galiza, a cota media por explotación estabelécese arredor dos 177 mil quilos, o que implica que a maior parte das explotacións recibirían arredor de 1.584 euros de axuda directa. A exixencia dos gandeiros era de 7.500 euros, unha cantidade que consideraban precisa para facer fronte ás débedas contraídas ao longo destes últimos meses.

"Así non saímos da ruína"
Unións Agrarias (UUAA) lamentou que Juárez comunicara este mércores "unha decisión adoptada unilateralmente", xa que as axudas "non reflicten o compromiso adoptado publicamente" polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Ademais, o secretario xeral deste sindicato, Roberto García, exixiu medidas parellas ás tomadas para a industria automobilística e recordou que "o sector lácteo xera no país 100 mil postos de traballo que agora están en perigo".

Pola súa parte, Xóvenes Agricultores (XXAA) considerou as medidas presentadas polo conselleiro como "un importante paso adiante", se ben matizou que "non son suficientes para conseguir a estabilidade económica e financeira dos produtores galegos". Ademais, pediu un compromiso por parte do Ministerio de Medio Rural, Ambiente e Mariño (MARM) que permita incrementar estas axudas aos gandeiros.

Finalmente, o Sindicato Labrego Galego (SLG) asegurou que esta medida "non achega unha solución definitiva" ao problema que atravesan as explotacións lácteas e engadiu que o Goberno "está eludindo a responsabilidade de estabelecer por lei un prezo mínimo" para a venda en orixe do leite. Asemade, Carme Freire criticou o sistema de pago por quilo de cota proposto pola Administración. Pola contra cren que "as axudas haberían de estabelecerse en base a criterios sociais, primando o mantemento dos postos de traballo".


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: