Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Derrogación do decreto eólico

O BNG advirte que a decisión resolverana os tribunais

Agoira a paralización do sector e a perda de actividade e emprego para o país.

Redacción - 17:15 05/08/2009

Na súa primeira avaliación da decisión da Xunta de derrogar o decreto eólico, o ex conselleiro de Industria, o nacionalista Fernando Blanco, destacou que sexa "a participación de todos os galegos nos beneficios do sector eólico" o que parece que "induce o PP a derrogar o decreto". "Non deixa de ser sorprendente, parece que volvemos a tempos pretéritos onde eses beneficios ían parar a outros sitios e non lle preocupaba ao Partido Popular", lamentou o deputado do BNG en lembranza das polémicas adxudicacións realizadas durante a etapa de Manuel Fraga no Goberno.

Ao tempo, Blanco defendeu o modelo de decreto deseñado no seu momento polo equipo que liderou durante o seu paso pola consellaría, insistindo en que era "un bo proxecto para Galiza". Ao respecto, advertiu de que a derrogación do decreto que aprobou o bipartito hase de dirimir "nos tribunais" e dixo agardar que finalmente non sexa botado abaixo "porque é un proxecto bo para os intereses do país". "É bo que os galegos perciban por primeira vez tamén do sector eólico", subliñou.

Doutra banda, agoirou que o proceso xudicial que a decisión do PP vai abrir nos tribunais, "paralizará o sector e producirá unha perda de actividade industrial e de emprego en Galiza". "Iso si que será responsabilidade do Partido Popular", censurou. Asegurou o ex conselleiro que os informes técnicos emitidos durante a súa etapa, "están a favor" do proxecto. "Sobre a seguridade ou inseguridade xurídica pronunciarase no futuro quen se ten que pronunciar nestes temas", engadiu, afirmando que "a inconstitucionalidade non a adxudica a Xunta, senón o Tribunal Constitucional".


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: