Aprecian eivas en materia de emprego e na parte social, mais saúdan a actitude dialogante da Xunta.
Un proxecto desequilibrado. Así cualificaron UXT e CCOO o Plan de Choque contra a crise aprobado este xoves polo Goberno, ao que lle atribúen importantes eivas, fundamentalmente en materia de emprego e na parte social.
Estes sindicatos recordan que Galiza conta con 15.200 fogares nos que non está a entrar ningún ingreso; 45.600 parados de longa duración; e un 40% dos parados sen cobertura. Atendendo a estes datos, exixen máis protección social que non queda garantida no Plan, que dea prioridade aos colectivos máis desfavorecidos.
No eido social, lamentan a filosofía coa que se aborda a atención á dependencia, que "dá prioridade o modelo de prestación económica sobre o de prestación de servizos". Tamén critican que o fomento do emprego non sexa prioritario ao adicarlle só o 6,5% do total do Plan de Choque; que non contemple liñas concretas de apoio aos sectores produtivos; e pídenlle á Xunta que sexa máis belixerante nos ERE's exixindo que vaian acompañados de plans de viabilidade que garantan a continuidade das empresas.
Con todo, valoran positivamente a dotación de dous millóns de euros para incrementar os recursos do salario de inserción laboral e dar cobertura a un maior número de beneficiarios. Finalmente, ambos os dous sindicatos aseguran que, malia que non ratificasen o Plan por diversas diverxencias, subliñan e saúdan a actitude de diálogo da Xunta e a súa actitude poñendo en valor o diálogo social como instrumento para seguir traballando.