Presentouse un proxecto que permitirá, ao xeito de Second Life, introducirse no Camiño de Santiago no ano 1117.
Un consorcio de empresas, coa colaboración das universidades galegas, está a desenvolver un mundo virtual que recreará Compostela e o Camiño de Santiago na Idade Media. Ficción Producciones, Planet Media, Imatia e One Click presentaron o seu proxecto, ambientado no ano 1117, e que estará dispoñíbel en xullo de 2010.
O programa pretende trasladarnos ás orixes do camiño durante o próximo ano xacobeo dun xeito semellante a universos tridimensionais como Second Life. Para poder reconstruír dun xeito fiel como era Compostela na Idade Media contouse co asesoramento do profesor Miguel Taín, do departamento de Historia da Arte da USC.
Escolleuse a data de 1117 polos especiais acontecementos que se produciron na capital de Galiza: as revoltas contra o bispo Xelmírez e a raíña Urraca.
As persoas que participen na experiencia poderán usar como avatares cidadáns ou soldados da época. Poderase acceder á plataforma virtual tamén a través do móbil e poderanse empregar dispositivos con GPS para indicar a situación real no Camiño.