O embaixador de Venezuela ante as Nacións Unidas (ONU), Jorge Valero, expresou que o Consello de Seguridade debe iniciar un proceso para responsabilizar ao ex presidente George Walker Bush e aos seus homes de confianza do masacre que representou a inxusta e ilexitima guerra do Iraque.
A República Bolivariana de Venezuela, por medio do seu embaixador Jorge Valero, considerou que se realmente existe un compromiso para exercer a chamada Responsabilidade de Protexer, "sen máis adiamentos e como proba irrefutábel de transparente compromiso con ese mecanismo" o Consello de Seguridade debería iniciar decontado o proceso para levar ante o Corte Penal Internacional ao ex presidente de Estados Unidos, George Walker Bush, e ao resto dos principais responsábeis do xenocidio de máis dun millón de civís, incluíndo nenos e mulleres, que foron asasinados na invasión ao Iraque.
O pedimento fixoo o embaixador Valero, ante a Asemblea Xeral, durante a súa intervención no debate verbo da chamada Responsabilidade de Protexer, no que suxeriu que o Consello de Seguridade debería aplicar igual sanción á "élite política e militar de Israel ante os crimes de xenocidio e de limpeza étnica que comete contra o pobo palestiniano".
Segundo o Secretario Xeral da ONU, Bam Ki Moon, o Consello de Seguridade podería decidir o envío de forzas militares a países onde os gobernos non queiran ou non teñan a capacidade de protexer aos seus nacionais ante graves delitos de lesa humanidade.
A República Bolivariana de Venezuela rexeitou de xeito terminante o concepto de "Soberanía Responsábel" sobre o que se fundamenta o proxecto de proposta do Secretario. Para Venezuela a pretensión de Bam Ki Moon de debilitar o concepto de soberanía, coa súa proposta, vai máis alá do concepto de Responsabilidade de Protexer.
O embaixador Valero subliñou que se se aspira a que sexa un mecanismo multilateral de acción colectiva, debe estar baixo a xurisdición da Asemblea Xeral e non do Consello de Seguridade.
O tamén viceministro de Relacións Exteriores para América do Norte e Asuntos Multilaterais, chamou a atención do plenario da Asemblea Xeral sobre o mecanismo coñecido como "alerta temprana", referida á responsabilidade que ten a comunidade internacional, ao abeiro das Nacións Unidas, de alentar e axudar e exercer a responsabilidade de protexer.
Precisou que desde a perspectiva de Venezuela esta "alerta temprana" como mecanismo de prevención, debe atender principalmente as reivindicacións dos pobos e os seus dereitos inalienébeis para acadar sociedades xustas, iguais e solidarias.
Valero recomendou que debe darse un exhaustivo proceso de debates no seo da Asemblea Xeral que permita ponderar a significación de cada elemento contido no Documento Final do Cúmio do 2005, que deu orixe á proposta de Facer Efectiva a Responsabilidade de Protexer.
O diplomático venezuelano lembrou as palabras en setembro de 2005, a propósito da discusión do Documento Final, do presidente Hugo Chávez: Quen vai protexer e como vai protexer?".
Dentro dese contexto e reeditando estas dúas perguntas, Valero deixou as seguintes interrogantes á Plenaria: "Que órgano das Nacións Unidas determinará cando hai que intervir?; Que parámetros serán tomados en consideración para catalogar a situación como de urxencia e que faría impostergábel a intervención?; Quen garante que esa intervención non se executará por razóns políticas? Terán os 192 Estados que hoxe conforman esta organización o mesmo dereito de participar e cualificar as situacións como de urxencia?".