Feijoo cumpre esta semana un cento de días no poder e subliña a "unidade" do seu executivo, denunciando a "división" do bipartito no mesmo período.
O 'Acordo do Obradoiro' sobre a alta velocidade ferroviaria, a visita ás sete grandes cidades ou a reunión coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) son algúns dos exemplos dos que bota man o presidente, Alberto Núñez Feijoo, para reflectir a súa "vontade de diálogo institucional", pouco máis de tres meses despois de presidir o seu primeiro Consello da Xunta no Pazo de Raxoi. Así, o presidente da Xunta, celebrará este martes os seus cen primeiros días á fronte do Executivo coa satisfacción de "superar" a "división política" do bipartito. "Agora hai un Goberno unido e cohesionado que xira en torno a un único proxecto", asegura, ao tempo que destaca a capacidade da nova Xunta para buscar a "unidade" con outras administracións.
Foi o 20 de abril o día no que presidiu o seu primeiro Consello de Goberno, e fíxoo o mesmo día no que presentou oficialmente o seu equipo, composto por seis homes e catro mulleres. Esa mesma semana foi investido xefe do Executivo tras obter a confianza do Parlamento de Galicia, prometeu o seu cargo e celebrouno na Praza do Obradoiro, a onde volveron os gaiteiros despois de tres anos e medio de bipartito.
Contexto económico "difícil"
A falta de dous días para que finalice o período de graza que, por cortesía, a oposición acostuma deixarlle a un novo presidente, Núñez Feijoo di estar satisfeito polo traballo realizado. "Durante estes cen primeiros días a nosa única guía foi pasar do dito ao feito", proclama e destaca que a súa motivación foi neste tempo "darlles aos galegos unha boa noticia cada día" nun contexto económico difícil.
O xefe do Executivo apela aos conceptos de "austeridade, unidade, verdade e liberdade" para definir o seu arranque en San Caetano. Neste sentido, a austeridade foi un dos piares da campaña que lle abriu as portas de San Caetano e con ela identificou Feijoo unha boa parte das medidas adoptadas nos seus primeiros cen días, empezando pola posta en venda do Audi A8 do ex presidente Emilio Pérez Touriño, xunto a outros 22 vehículos de alta gama do parque móbil da Xunta.
Dacordo co principio da austeridade, Feijoo tamén reduciu de 13 a dez o número de consellerías e os delegados provinciais, de 52 a cinco, malia que a oposición puxo en cuestión a realidade dese presunto aforro. Dentro dos seus cen primeiros días, o seu Goberno tamén aprobou un "plan" dotado con 144 millóns de euros destinados a "reactivar" a economía.
Medidas económicas
No ámbito económico, a nova Xunta tamén aprobou antes de cumprir cen días un plan de choque baseado nun reaxuste presupostario de 1.224 millóns de euros, o que supón reorientar o 11% das contas que aprobou o bipartito. O programa de axudas ao sector da automoción e o Plan Lácteo, que inclúe subvencións directas para as explotacións "en peor" situación económica, son outras das principais medidas adoptadas polo Goberno de Feijoo, ao igual que o proxecto dunha nova Lei de Pesca que, aseguran, será "menos intervencionista" e "máis respectuosa" co papel das confrarías.
Así mesmo, cumpriu o compromiso de rebaixar nun 50% o tramo autonómico dos impostos para comprar unha vivenda a mozos e familias numerosas. Iso si, permanece pendente a promesa de reducir o 8% no IRPF para máis de 600 mil galegos con ingresos inferiores a 18 mil euros. Pendente está tamén a presentación do novo modelo eólico galego despois de que que o presidente decidise "revisar" a admisión a trámite que formalizara o bipartito. En todo caso, espera ter lista a proposta definitiva "antes de irse de vacacións", o próximo 6 de agosto.
No eido da ordenación do territorio, a nova Xunta redactou o borrador da nova Lei do Solo, que cede aos concellos máis competencias. Fronte a iso, segue pendente a reforma das Normas do Hábitat e do Plan do Litoral, que Feijoo prometeu aprobar antes de que remate o ano. Polo momento, tampouco se aprobou o plan de infraestruturas, con horizonte en 2015, que o presidente comprometeu na súa sesión de investidura, aínda que si anunciou que o presentará o mes que vén e que contará cunha inversión de 1.300 millóns de euros.
"Acordo do Obradoiro" e financiamento
Non obstante, no ámbito das infraestruturas deu un dos pasos máis importantes destes primeiros cen días de Goberno coa sinatura do 'Acordo do Obradoiro' --que fixa a chegada do AVE en 2015, cunha inversión do Estado próxima aos 4.700 millóns -- subscrito co ministro de Fomento, Xosé Blanco.
O outro grande reto que tivo que asumir Feijóo na súa primeira etapa á fronte da Xunta é a aprobación do novo modelo de financiamento autonómico. A abstención da Xunta no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) custoulle as críticas de PSOE e BNG que, por razóns distintas, o acusaron de "someterse ás directrices" do PP estatal. Finalmente, xustificou a súa abstención baseándose no suposto "compromiso" do goberno español de que Galicia recibiría 64 millóns a maiores dos 590 da "oferta inicial" na repartición de fondos adicionais, o que suporía un total de 654 millóns. Agora, o propio Feijoo recoñece que "ao parecer, 34 millóns non están consolidados".
Educación e lingua
Logo de situar a derrogación do decreto do galego no ensino como un dos seus principais cabalos de batalla electoral, teimou Núñez Feijoo en defender a suposta necesidade de que "trasladar a liberdade e a cordialidade das rúas" á xestión política neste asunto. Unha vez no Goberno, esta derrogación non puido ser inmediata, malia poñerse en marcha unha enquisa sobre o uso do galego no ámbito educativo para os proxenitores, cuxos resultados deberían estar listos antes de que finalice este mes.
"Cumprimos o noso compromiso de que os pais conten na educación dos seus fillos e estamos a recuperar a cordialidade lingüística", asegura Feijoo. O seu Goberno adoptou ademais outra decisión significativa no ámbito educativo: a substitución do sistema universal de gratuidade para os libros de texto por un novo modelo de concesión de axudas en función da renda familiar.
Na Consellaría de Cultura destaca a aposta pola preparación intensiva do Ano Santo 2010, no que Feijoo confía para dar un impulso á economía. A grande materia pendente é o proxecto da Cidade da Cultura, ao que o presidente se referiu en poucas ocasións durante a campaña electoral e eludiu no seu discurso de investidura.
No ámbito social, Benestar asume a aplicación da Lei de Dependencia como o seu gran reto e comprometeuse a reducir os tempos de valoración dun ano a seis meses, "priorizar" o diagnóstico á data de solicitude. A Consellería de Sanidade mantén o seu obxectivo de reducir as listas de espera, aínda que o seu reto máis inmediato é a gripe A. Para loitar contra a pandemia reserva 25 millóns de euros.