Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALEGUIDADE

Feijoo: "O sentimento patriótico non é privativo de ninguén"

Feijoo volveu facer referencia ao galeguismo cordial na entrega das Medallas de Galiza aos catro ex presidentes do Goberno.

Redacción - 11:00 26/07/2009

Malia que o PpdeG xa celebrara a súa homenaxe anual a Castelao no Panteón de Galegos Ilustres con motivo do Día de Galiza na véspera, o 25 de xullo non estivo exento de actividades de Alberto Núñez Feijoo. A xornada iniciouse coa ofrenda ao apóstolo na catedral compostelá, na que demandou a intervención do santo para que "ilumine aos gobernantes para escoitar as inquietudes da xente". E rematou co acto, tamén institucional, da entrega das Medallas de Galiza, que este ano recoñeceron o labor dos seus catro predecesores á fronte do Goberno (Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño), aos que Feijoo agradeceu o seu "valioso maxisterio".

Fronte ao inmobilismo, identidade
No acto relixioso, no que Núñez Feijoo actuou de delegado rexio, o presidente da Xunta invocou ao apóstolo para conseguir "unidade de vontades" ante os desafíos como os que impón a crise económica. "Non é posíbel o illamento", dixo "é necesario unir valores dos devanceiros coas exixencias contemporáneas, porque a identidade non é inmobilismo".

Nun acto no que empregou o galego e mailo castelán, Feijoo asegurou que "Galiza ten que conxugar o que foi co que será" e afirmou que "non hai lugar para os pobos ensimesmados que alimentan pequenas liortas domésticas". Nunha intervención na que citou a Ramón Cabanillas, Xosé Manuel Álvarez ou Antonio Machado, recordou que "non foi o medio nin a división a que labrou un culto xacobeo, que comeza sendo galego para converterse en universal"·.

Finalmente, nun discurso no que tamén tivo tempo para pedir axuda para afrontar a crise económica, pediu ao apóstolo que "una aos cidadáns nun presente e nun futuro común" e que "dea inspiración aos gobernantes galegos e ás súas institucións para que sigan sendo unha ferramenta últi para alcanzar o ben común de todos".

Medallas de Galiza
Xa pola tarde, o presidente da Xunta tomou parte noutro dos actos institucionais do Día de Galiza. Na entrega das Medallas aos seus predecesores á fronte do Goberno, Feijoo destacou "o acerto dos políticos que se elevaron das súas siglas partidarias e conseguiron acadar o recoñecemento para sempre do pobo galego".

No seu discurso contrapuxo os políticos para quen "o sentimento patriótico non é privativo de ninguén" con aqueles para quen "o mesmo país está parcelado en minifundios irreconciliábeis que se miran con hostilidade". Así, reiterou a súa defensa do "galeguismo cordial formulado por Ramón Piñeiro" e defendeu a necesidade de "facer do galeguismo unha casa común e non unha divisa partidaria".

Nesta liña, avogou por "elaborar unha ideoloxía á semellanza do pobo, e non pretender que sexa o pobo o que se adapte a esa ideoloxía". Do mesmo xeito, defendeu a "materia prima ideolóxica do galeguismo cordial" e subliñou o "milagre laico do que é artífice a sociedade galega", ao facer do galeguismo "unha casa común de todos".


1/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Entrega das Medallas de Galiza aos que ocuparon o cargo de presidentes da Xunta
Entrega das Medallas de Galiza aos que ocuparon o cargo de presidentes da Xunta
Feijoo durante a súa ofrenda ao apóstolo, na catedral compostelá
Feijoo durante a súa ofrenda ao apóstolo, na catedral compostelá
No Obradoiro, Feijoo saudou a todos os presentes, entre os que se atopaba Manuel Fraga
No Obradoiro, Feijoo saudou a todos os presentes, entre os que se atopaba Manuel Fraga