Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Discurso do presidente en Vigo

Logo do "bilingüismo harmónico" é a quenda do "galeguismo humanista"

A Galiza de Feijoo: "Unha princesa durminte que necesita do bico, e non do berro, para espertar e reinar".

Redacción - 11:00 24/07/2009
Feijoo, co alcalde de Vigo

Feijoo, co alcalde de Vigo

O pasado domingo, o PPdeG desvelaba as teses que Alberto Núñez Feijoo reivindicaría ante a xunta directiva do partido de cara ao Día da Patria: o "bilingüismo harmónico" como unha "realidade galega", e o "galeguismo aberto e plural" integrado na "unidade de España".

Xa no seu papel de máximo mandatario da Xunta, Feijoo engadiu este xoves en Vigo unha nova acepción á súa particular visión da defensa dos intereses do noso país: o "galeguismo humanista". O "denominador común" de "Rosalía, Castelao, Cunqueiro, Piñeiro, Fernández del Riego, ..." que "volve ser o camiño".

Nun acto celebrado no Pazo Museo Quiñones de León da cidade con motivo da celebración do 25 de xullo, o presidente do Goberno tirou de metáfora para explicar este novo concepto, que se basea na "cordialidade" dos que "ven Galiza como unha princesa durminte que necesita do bico, e non do berro, para espertar e reinar".

Á listaxe de adxectivos con que Feijoo adoita ornamentar o substantivo "galeguismo" para moldealo ao seu discurso -"aberto", "plural", "cordial", "harmónico"- sumou outro máis ao se referir a Vigo, "berce do galeguismo urbano" e comuñón co rural no que a ideas se refire.

Galiza "xa está na Europa que tanto ansiaba Castelao"

No seu discurso, recordou unha conferencia pronunciada por Castelao hai 79 anos no Teatro vigués García Barbón, na falaba do universalismo e da necesidade de traspasar fronteiras para unir o noso país con Europa. Galiza "xa está na Europa que tanto ansiaba Castelao no seu discurso do 25 de xullo de 1930", dixo.

"Hoxe, o noso país é unha rede de pobos e cidades nos que latexa, sen contradición algunha, o espírito galego, español e europeo", e que "non está gretado por conflitos irresolúbeis", afirmou. "Forma parte dunha España dona de si mesmas, que atopou na súa diversidade un novo impulso", engadiu Feijoo.

"Transcorrido xa este primeiro treito do século XXI, podemos afirmar que o gran soño de Galiza triunfou. Se milagre é a transición democrática española, milagrosa é tamén a transición autonómica galega", concluíu o presidente da Xunta.


1/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: