Integrada, nun principio, por 40 entidades sociais, aspira a impulsar unha iniciativa lexislativa popular e convocar unha manifestación nacional no outono.
Constituíuse formalmente a plataforma cidadá Queremos galego, que xurdiu recentemente dunha xuntanza de 40 entidades sociais no Museo do Pobo Galego. Entre as entidades constituíntes son A Mesa, a CIG, o BNG, Esquerda Unida, Sindicato Labrego Galego, os Comités, Galiza Nova, AS-PG, ADEGA, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización Lingüística, as fundacións Castelao e Pedrón de Ouro, ademais de persoas a título individual.
A plataforma bota a andar para desenvolver unha Iniciativa lexislativa popular que garanta os dereitos lingüísticos do pobo galego e para convocar unha gran mobilización nacional en Compostela no outono. Ambas iniciativas presentaranse ao comezo do curso escolar, en setembro.
Entre tanto, "continuarán afortalando e alargando" a súa estrutura, mediante un "traballo social intenso" para que entidades e persoas se unan a un "espazo común" para quen estea a responder "á agresiva e regresiva política lingüística do goberno do Partido Popular".
Queremos galego, á que prevén unirse máis persoas e entidades "nun breve prazo", nace nun momento caracterizado "polos profundos e continuos ataques que está a padecer a nosa cultura". De feito, as súas tres premisas básicas son: que a lingua galega é patrimonio e ferramenta de comunicación do pobo galego, e as institucións públicas deben protexela e promocionala; a normalización lingüística debe ser progresiva, polo que as institucións públoicas non deben desprotexer o galego nin reducir a súa presenza. En terceiro lugar, apuntan que os acordos asinados por unanimidade, só poden ser substituídos por acordos nos que a unanimidade siga sendo o criterio. Nese sentido, recordan, logrouse no seu momento un consenso decisivo que está no fixado no Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado no Parlamento en 2004, e na Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, ratificado por unanimidade polo Congreso en 2001.