Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica coa Cidade da Cultura

O Gaiás avanza lento entre cesamentos, falsidades e peticións de visita

O PSOE critica a expulsión do xerente. O BNG acusa o PP de "lanzar falsidades". A Plataforma 'Cultura si, Mausoleo non' quere acceso libre ás obras.

Redacción - 09:30 23/07/2009

"A Consellaría de Cultura está pechada por vacacións", ironizaba esta semana a voceira do grupo parlamentario do PsdeG en materia cultural, Concepción Burgo, criticando a expulsión do xerente do Gaiás sen nomear substituto e o cesamento da xefa de gabinete da consellaría. Para os socialistas, son estes dous exemplos da "irresponsabilidade" e "incapacidade" do actual Goberno para liderar a política cultural do país.

"Non sabe onde vai nin que necesita para levar adiante o seu proxecto sinxelamente porque non ten proxecto", apúxolle Burgo ao actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela, de quen opinou que está "desnortado" e "desconcertado". Na opinión da deputada luguesa isto confirmaría "as sospeitas" de que ao presidente da Xunta e ao conselleiro "nin lles preocupa nin coñecen a realidsade da cultura galega". "Esta consellaría non comezou a traballar nin parece que o vaia facer nos próximos meses, xa que non ten nin un só proxecto presentado e nin unha soa actuación que non fora posta en marcha polo anterior goberno", subliñou.

Falsidades e investigación en curso
Tamén sobre o cesamento do xerente da Fundación Cidade da Cultura, Francisco Carracedo, se pronunciou o BNG esta semana. A voceira do Bloque na comisión de Cultura do Parlamento, Ana Pontón, pediulle ao conselleiro que "deixe de lanzar falsidades" sobre as actuacións do ex xerente e pediulle explicacións pola "manifesta incapacidade do conselleiro para nomear un novo xerente".

Pontón, que cualificou a actual posición do conselleiro de "retorno á etapa de Pérez Varela", insistiu en que Carracedo facilitou o máximo posíbel a transición entre o anterior e o novo equipo da consellaría. Nese sentido, denunciou que o PP tratase de xustificar a inacción da Fundación xustificando presuntos atrancos polo xerente saínte. Doutra banda, salientou a "transparencia" na xestión financeira e o funcionamento conseguida polo cesado e reclamou que se axilice a investigación xudicial polo desfase orzamentario do proxecto durante a etapa do PP.

A plataforma cidadá reivindica acceso libre
Na mesma xornada, coincide a actualidade sobre o Gaiás cun comunicado da 'Plataforma Cultura Si, Mausoleo Non', no que solicitan o acceso "libre e gratuito a todos os cidadáns interesados en coñecer o estado das obras iniciadas no ano 2001 e cun coste de mais de 400 millóns do erario público galego". "Son demasiados anos de oscurantismo e clandestinidade dunhas obras e dunhas instalacións das que se descoñece por completo o seu estado, o seu destino e a súa viabilidade", expoñen nun comunicado asinado por Xan Carlos Ansia, voceiro do colectivo."Os cidadáns debemos poder acceder a ver in situ, dun xeito libre e gratuito, como se atopan despois de máis de 8 anos desde o seu comezo as instalacións froito da iniciativa unilateral de Manuel Fraga", piden.


4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: